Antón ‘Toniño’ López, músico

"O noso maior orgullo é devolver a música tradicional ao lugar do que nunca debeu saír"

Condicionados como o resto de artistas por unha pandemia que obrigounos a reformular os seus enérxicos concertos, Treixadura volveu con forza este 2022 para presentar o seu disco-libro Camiño longo. Un proxecto que sintetiza unhas tres décadas de traballo que repasa un dos seus membros fundadores, Toniño López
Toniño López, nunha das vibrantes actuacións de Treixadura. CEDIDA
photo_camera Toniño López, nunha das vibrantes actuacións de Treixadura. CEDIDA

A principios dos noventa, Antón ‘Toniño’ López convertíase nun dos fundadores da agrupación de música tradicional Treixadura. Un proxecto que, xustamente, nacía ao carón da botella de viño homónima que dá nome ao seu grupo. Este mércores, tras máis de 30 anos amosando que a música tradicional ten cabida en calquera escenario, chega a quenda de volver á Praza de España (22.30) para facer gozar á xente coa súa animada proposta.

A Peregrina é un dos pratos máis fortes das festas en Pontevedra. Non é a súa primeira vez aquí, mais que agardan do concerto de hoxe?
Para nós é, quizais, o concerto máis esperado que temos este verán. E aínda que non é a primeira vez que estamos alí, a experiencia coa banda a última vez que estivemos foi tan fermosa que estamos esperando repetila con moitísimas ganas. Ademais, vai a ser coa Banda de Música de Pontevedra, co coro de Cantigas e Agarimos e teremos como invitado a outro colaborador do disco, Rodrigo Romaní. Este mércores na Peregrina vamos a poñer absolutamente todo.

Que poden esperar do seu directo todos aqueles que acudan por primeira vez?
Dun directo de Treixadura podemos garantirlle á xente que o van pasar ben, que van poder bailar, cantar, bater palmas, emocionarse. Porque, normalmente, acabamos contaxiados público e músicos. Acabamos case sendo un mesmo son. Resulta moi emocionante. Logo, unha persoa que vén de fóra, ou que non coñece moito a música galega, vai ver o que é música tradicional. Unha fusión de música tradicional, como se di agora. Xuntamos a un grupo de gaiteiros, un coro, unha banda de música, e facemos un espectáculo dunha hora e media que acaba envolvendo a todo o mundo. Só por curiosidade, por ver como é iso, eu iría a ese concerto.

Vostedes dixeron en moitas entrevistas que un dos obxectivos era que o público puidese ver a un grupo de gaiteiros no escenario como pode ver a calquera outra agrupación. Este obxectivo foi algo que se cumpriu desde os inicios ou foi algo que se cumpriu de forma gradual?
Pois a verdade é que si se cumpriu cedo. Era unha reivindicación froito da impotencia que sentiamos daquela porque non nos deixaban expresarnos como gaiteiros. E por iso naceu Treixadura: pola necesidade de demostrar que a música tradicional ten un oco nos escenarios como outra calquera. E se de algo estamos orgullosos é precisamente de que a resposta do público nos fixo entender que tiñamos razón. Hoxe en día non só Treixadura, senón moitísimos grupos que seguiron a liña están subindo aos escenarios e se están compartindo concertos coas orquestras en verbenas. Creo que Treixadura aí tivo tamén algo que ver, pola teima que tivemos e o empeño que puxemos en que iso fora así. Tal vez sexa do que estamos máis orgullosos: de levar a música tradicional aos lugares de onde nunca debeu de saír.

Cumprir tan axiña o obxectivo de amosar que a música tradicional si tiña cabida é a confirmación de que o público sempre gardou un oco para esta?
É un pouco o que pasa coa lingua: na casa se utiliza e despois fóra, moitas veces, vemos como se cambian os rexistros. Pero iso está aí dentro e sabemos que a xente o vive e forma parte do noso ADN. Nada máis que había que empurralo e quitalo á luz. E quitarnos esa especie de vergoña que temos sempre de que o noso é algo inferior. Se saes polo mundo e ves a música tradicional que teñen por Europa adiante, pois é deles, pero non é mellor ca nosa nin moito menos. A nosa música é variadísima. Temos unha riqueza cultural e musical moi importante e o único que tiñamos que facer era darlle valor.

Que queda da esencia dos comezos dun Treixadura que hoxeconmemora os seus trinta anos co disco-libro Camiño longo?
O que é a chave de todo está intacta: somos gaiteiros e amantes da música tradicional e de todo o que a rodea. E igual que era en 1990, segue a ser así en 2022 e seguirá sendo así por sempre. Treixadura nunca perderá a súa esencia porque foi o que nos levou a subir nun escenario: intentar dignificar ao máximo a figura dos gaiteiros.

Vostede é un dos membros fundadores de Treixadura. Leva xa máis de 30 anos co grupo. Queda aínda moito camiño por percorrer?
O grupo está coa mesma ilusión que tiñamos hai 30 anos. Facémonos maiores, pero a ilusión segue intacta. Se o público non te bota do escenario, creo que Treixadura ten corda para rato. O público é quen che di se estás no camiño ou se estás acertado. O agradecementomáximo é á xente, ás institucións e a concellos como Pontevedra, a quen lle estamos moi agradecidos porque non empezaron a crer en nós agora que estamos aí arriba, senón que estiveron apoiando desde os nosos inicios.

Peregrinas 2022
16.30 * Pasacalles a cargo da charanga Mil9.
19.00 * Pasacalles a cargo da charanga OT en Monte Porreiro.
19.00 * Actuación de Gaiteiros das Rías Baixas nas rúas da cidade.
19.30 * Teatro Ghazafelhos en Praza da Curtidoira.
21.00 * Concerto Marcelo Dobode en Praza da Ferrería.
22.30 * Concerto de Treixadura en Praza España .
22.45 * Verbena Orquesta Monumental na Gran Vía de Montero Ríos.

Comentarios