Iria Figueroa: "O noso é o voto máis de esquerda que hai en Galicia"

Comezou militando no BNG e agora faino en Anova, onde di estar "máis cómoda"
Javi DIARIO: entrevista con Iria Figueroa, candidata de Galicia en Comun por Pontevedra nas eleccions autonomicas.
photo_camera Iria Figueroa, candidata de Galicia en Comun por Pontevedra nas eleccións autonómicas. JAVIER CERVERA

COMO MEMBRO do partido fundado por Xosé Manuel Beiras, a xornalista Iria Figueroa (Pontevedra, 1996) fai campaña estes días pola coalición Galicia en Común, da que tamén forman parte Podemos, Esquerda Unida e diferentes Mareas municipais. O seu nome é o número dous da lista que a coalición presenta ás eleccións autonómicas do 12 de xullo pola provincia de Pontevedra.

Do BNG a Anova. Por que?

Porque non atopei no BNG a pluralidade e a unidade que eu entendía que tiñan que existir na esquerda. Comecei militando no BNG porque son soberanista, pero recoñezo que en Anova atopei un espazo no que me sinto máis cómoda. Ademais, atopei unha maior vontade de colaboración con outras forzas da esquerda e unha maior vontade de construción dende a base. 

Fala de unidade, que é precisamente o que se considera o punto débil da esquerda galega. Acusáselles de non ser capaces de presentar unha fronte común.

Son consciente. E non só pasa en Galicia. Pero creo que é unha crítica sobredimensionada. Na dereita tamén existen múltiples partidos. E é lóxico que sexa así, porque a nosa sociedade é cada vez máis diversa e o espectro político tense que adaptar a estas circunstancias e ofrecer diferentes opcións. Se a unidade puidese ser maior, se se puidese incorporar un maior número de forzas nunha coalición, sería ideal, pero penso que existe un especial interese en poñer o foco aí en vez de noutras cousas para fomentar unha sensación de maior división da que en realidade existe. En Galicia en Común estamos os principais partidos que estivemos dende o principio nesa confluencia. O espírito co que naceu segue aí. 

A división da esquerda converteuse no principal argumento do Partido Popular contra vostedes. Feijóo usa como idea forza nesta campaña que a elección é entre "un multipartito de dez partidos" ou el. Non cre que entre os votantes pode haber unha certa confusión de siglas e nomes, entre Galicia en Común e Marea Galeguista, por exemplo?

Penso que esa que dis é a estratexia de Feijóo e do Partido Popular: fomentar a confusión, meternos a todos no mesmo saco... Incluso a Ciudadanos chegou a encaixalos aí. Porque é o que lle convén. Eu non creo que exista unha confusión entre os votantes sobre os partidos que se presentan a estas eleccións. O caso de Marea Galeguista é un caso moi concreto e particular. Non ten antecedentes. É unha coalición formada por partidos minoritarios que herda unhas siglas que acadaron unha importante representación hai catro anos e iso levounos a ter un estatus a nivel comunicativo que non é o que lle correspondería nin por votantes reais nin por resultado das enquisas. De calquera maneira, entre as principais forzas de esquerda, que somos as que nos temos que poñer de acordo a partir do 12 de xullo, non existe ningunha confusión. A xente sabe perfectamente o que é o PSdG, o que é o BNG e o que somos nós, Galicia en Común. A campaña tamén está para isto, para aclarar quen é quen.

As enquisas non lle son favorables. A última do CIS indicaba que pasarían dos 14 deputados autonómicos actuais a entre 4 e 6. O seu número un, Antón Gómez Reino, tampouco aparece ben valorado. Preocúpalles?

Os datos que achegan as enquisas teñen importancia, pero unha importancia moderada. O que non pode ser é que nos guiemos por esas predicións, máis nunha situación tan imprevisible como vai ser esta, cunhas eleccións tan atípicas, nas que temos moi poucos datos que avancen como vai ser a participación por exemplo. Para nós, o fundamental é que a partir do 12 de xullo haxa un goberno alternativo a Núñez Feijóo e temos claro que ese goberno vai ser un goberno de colaboración e cooperación entre as tres principais forzas da esquerda. Dentro das posibilidades que existen, o noso é o voto máis de esquerda que hai en Galicia. A nosa candidatura é a que garante que as propostas de maior xustiza social e de maior democratización da economía cheguen ao goberno. Unha forza política como a nosa é a chave para que o novo goberno non sexa un bipartito 2.0.

Falando de xustiza social, non lles vai pasar factura que o seu socio, Podemos, non fose quen de sacar adiante no Goberno de España propostas como o imposto ás grandes fortunas ou a derogación da reforma laboral?

Non o creo. Penso que o Goberno do Estado se enfrontou a situacións complicadas coa pandemia que o obrigaron a tomar decisións de urxencia. Estamos falando ademais do primeiro goberno de coalición da historia democrática, polo que non o tiña doado. O imposto ás grandes fortunas chegará e a derogación da reforma laboral chegará, sen ningunha dúbida. Como chegaron moitos avances que estou segura que a xente vai valorar. Aí están a subida do salario mínimo, os ERTES... Salváronlle a vida a moita xente. Todo iso vaise poñer en valor, nomeadamente o que está a facer a ministra de Traballo [Yolanda Díaz], unha ministra galega que, por certo, pertence a un partido da coalición Galicia en Común.

Dígame unha razón para votarlles a vostedes en Pontevedra e non ao BNG, de Ana Pontón.

Unha razón é que o voto a esta coalición é un voto plural, diverso e un voto netamente republicano, algo que dicimos con toda claridade, sen agochalo. O voto a Galicia en Común, xa o dixen antes, é o voto máis á esquerda do panorama actual. E a nosa vontade é clara á hora de colaborar na conformación dun goberno de coalición alternativo ao do PP.

Comentarios