lunes. 27.01.2020 |
El tiempo
lunes. 27.01.2020
El tiempo

GUILLERMO MEIJÓN, Nº2 DA CANDIDATURA DO PSOE POR PONTEVEDRA

"Os nosos datos indican que non haberá unha gran abstención"

Guillermo Meijón. DAVID FREIRE
Guillermo Meijón. DAVID FREIRE
Está convencido de que os socialistas repetirán na provincia o excelente resultado do pasado 28A e aférrase á xestión dos últimos meses como o maior aval para rexeitar que o electorado poida pasar factura ó actual desgoberno quedando na casa o 10N. Ante a posibilidade de que se repita a situación, Meijón pásalle a pataca quente ás outras forzas políticas

Curtido en política dende a mocidade, en 20 anos escalou do Concello ó Congreso de los Diputados, previo paso polo Parlamento Galego. "Se saio elixido o vindeiro 10N, debería ser a miña terceira lexislatura, pero dadas as circunstancias será a quinta", aclara.

Terceira convocatoria en tres anos. A ilusión é a mesma o mengua?

É sempre a mesma porque o máis importante é acadar un Goberno de progreso que poida cambiar a realidade este país, que sufríu unha crise tremendamente importante e cun Goberno de dereitas que incrementou a desigualdade social, fundamentalmente. E todo o que sexa reverter esa situación provoca ilusión.

A xente da rúa non semella tan ilusionante e amosa certo cansazo por tantas eleccións. Non dá algo de apuro ou mesmo vergoña ter que volver a pedir o voto?

Todos podemos compartir certa desazón. Pero creo que iso mesmo pode converterse nunha oportunidade de decisión para ver cal é o Goberno que lle convén a este país. E eu creo que neste momento, o mellor para xestionar a desaceleración económica e para que non ocorra o mesmo que durante a crise é o Goberno socialista. Por iso voltaremos a achegarnos á cidadanía coa máxima ilusión e coa esperanza de obter un gran resultado. E penso que o imos ter.

Temen vostedes que unha alta abstención lles pase factura?

Os datos que manexamos indican que non haberá unha gran abstención. Incluso se parte duns resultados moi parecidos ós das anteriores eleccións. Por tanto, iso é un gran aval para a cidadanía española, que entende que votar é o maior exercicio dunha democracia e o vai exercer.

No suposto de que as enquisas volten a errar, que a xente quede na casa prexudicaría ó PSOE máis que ó resto das forzas?

Iso é imposible de saber. Sempre se din moitas cousas, pero os resultados estarán nas urnas.

Son optimista porque o noso aval son as realidades conqueridas nestes meses, coma a actualización das pensións

Esas primeiras enquisas vaticinan un bó resultado para o PSOE. No seo do partido compártese a euforia ou hai cautela?

Eu son un gran optimista, porque o noso gran aval son as realidades que se conqueriron durante estes meses. A xente víu que outro xeito de gobernar era posible e que se ían conseguindo cousas moi importantes. Só nesta provincia hai máis de 240.000 pensionistas que viron as súas pensións actualizadas co IPC. E iso vai seguir.

Criticou vostede a xestión do PP no Goberno. Sorprendeulle o seu batacazo electoral do 28A?

Eu agardaba un gran resultado para o PSOE. O que lle pase ós demais xa me preocupa menos. Nós confiabamos en que a xente percibira que había un xeito de gobernar que consigue que todos saiamos da crise máis iguais, e non todo o contrario, como fixeron os gobernos de Mariano Rajoy.

Que fallou en todo este tempo para non ter presidente? Que se fixo mal?

Sería doado acadar unha investidura de Pedro Sánchez, pero como él mesmo dixo, non se trataba de acadar unha investidura, senón de gobernar unha lexislatura. Hoxe en día a xente está a descubrir por que iso era bastante imposible, porque non se deron as condicións suficientes.

A culpa foi toda de Podemos?

Xa é a segunda vez que Podemos impide un goberno de progreso. Por outra banda, os partidos de dereita quixeron seguir bloqueando un Goberno socialista.

Neste tempo trascenderon negociacións e conversas que logo cambiaban radicalmente; algo complicado de entender dende fóra...

Pedro Sánchez ofertou a Podemos cinco posibilidades distintas para conformar ese Goberno de progreso, e foron sucesivamente rexeitadas por Podemos. Por tanto, entendemos que non lle interesaba formar ese Goberno e sí ir cara unhas novas eleccións.

Só 48 horas despóis do 10N, Pedro Sánchez presentará distintos pactos e agardamos que todos teñan aprendido do que ocorreu

Facendo de adiviños e dando por feito que os resultados o 10N sexan moi similares ós actuais, alomenos pola parte da esquerda. Repetirase ese divorcio?

A nosa intención é sair o máis reforzados posibles, porque canto máis reforzado estea o PSOE, máis doado será acadar un Goberno de progreso. En calquera caso, como xa dixo Pedro Sánchez, 48 despóis do 10N se presentarán distintos pactos ós grupos políticos e haberá que ver o que din eles. Obviamente, a forzas de esquerda terán unha grande responsabilidade e esperemos que todos teñan aprendido do que aconteceu nas pasadas eleccións.

Barállase unha abstención de PP ou Ciudadanos para facilitar a investidura e poñer fin ó bloqueo?

Iso haberá que preguntarllo a eles.

Que está a perder Pontevedra con esta inacción política?

Compromisos que xa estaban nos orzamentos de 2019. Durante sete anos Pontevedra aparecía nos PGE pero só a nivel nominal, porque logo isto non se traducía en realidades. Os orzamentos de Ana Pastor, que presume de pontevedresa, nunca se executaron máis aló do 45-50%. Pola contra, o PSOE ten licitados ou en tramitación os grandes compromisos coa cidade: os tramos da circunvalación, o Nó de Bombeiros e o Paseo marítimo ata Marín.

En que medida a irrupción de Más País pode prexudicar ó PSOE, tanto en Pontevedra coma no Estado?

Insisto en que o noso maior aval son as realidades que acadamos. O PSOE non pretende asaltar os ceos, pero sí conquistar realidades. E iso é o que nos diferencia do resto da esquerda.

Outra das novidades da campaña será o poster electoral do PP. Que lle parece a marcha de Ana Pastor a Madrid e o seu relevo por María Ramallo?

A miña sorpresa é que moitos candidatos non son siquera da provincia de Pontevedra: a de Podemos é da Coruña, o de Más País é de Ourense... Agora Ana Pastor escapou para Madrid e chega a alcaldesa de Marín, cando os estatutos do PP dicían que non se podían compatibilizar alcaldías co Congreso, o que me parece bastante razoable. Por iso sorpréndeme que ela diga que ten tempo para todo.

A exhumación de Franco
O PSOE fixo bandeira da retirada dos restos de Franco. Agora que xa se cumpríu a súa promesa, como valora este feito histórico?
Como un acto de dignidade que corrixe e fortalece a nosa democracia.

Nembargantes, son moitas as voces que o consideran extemporáneo e que o consideran unha artimaña electoralista...
Permítaseme tirar da ironía: dubido moito que a familia Franco se puxera de acordo co PSOE para conseguir que, cos seus continuos recursos e atrancos, a data coincidira en precampaña electoral para un suposto beneficio dos socialistas. O certo é que había un compromiso do Goberno para a exhumación do dictador e realizouse cando o marco normativo quedou despexado para facelo con todas as garantías legais.

"Os nosos datos indican que non haberá unha gran abstención"
Comentarios