domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

"Os nosos dous títulos teñen que chegar a España, á lusofonía e a América Latina"

Enrique Varela. DP
Enrique Varela. DP
O Grado en Dirección e Xestión Pública da UVigo acaba de estrear a modalidade virtual co 145% das prazas cubertas

Despois de 21 anos como profesor da Área de Ciencia Política e da Administración en Dirección e Xestión Pública (DXP) -primeiro diplomatura e despois grao-, Enrique Varela vén de ser nomeado decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, que acollerá o grao homónimo e tamén o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, que actualmente se imparten na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Alí seguirán. "Se hai algo que non vai cambiar é o espazo". 

Cal é a súa misión despois de ser nomeado decano comisario?

Guiar o proceso de aprobación, porque ten unha serie de pasos dentro da propia Universidade de Vigo. Xa pasou a aprobación dos propios títulos, da Xunta de Facultade e do claustro. A partir de aquí queda un último paso, por parte do Consello de Goberno e do Consello Social. Despois terá que pasar polo Consello Xeral de Universidades. Desde un punto de vista informal levamos un par de anos traballando en como organizarnos nun modelo virtual. Necesitabamos capacidades propias de xestión porque os nosos modelos de formación son absolutamente innovadores e iso requería unha aposta pola capacidade de xestión e coordinación dos títulos, que se consolida cunha facultade, un decano comisario e un secretario, Xosé María Mahou. El é unha das persoas que máis experiencia ten en materia de virtualización de posgraos en Galicia.

DXP leva 21 anos en Pontevedra. Cre que segue sendo a gran descoñecida do campus?

Segue séndoo. Somos moi coñecidos en España e en América Latina de onde procede alumnado do máster e Dirección Pública. E no grao virtual, que comezou este curso, tiñamos un máximo de 20 prazas e matriculáronse 29 estudantes. Nel hai moita xente que non é de Pontevedra, senón do resto de España. A maior parte son profesionais. Hai máis dunha década xa tiñamos claro que os espazos máis físicos ían ser complementarios dos virtuais. O noso obxectivo é captar alumnado de América Latina.

Como están discurrindo estas primeiras semanas de curso? A modalidade virtual chegou nun momento clave, en plena pandemia.

Temos experiencia desde hai anos, pero temos unha plan novo, alumnos novos, todo preparado para ir ano a ano, e resulta moi complexo. Á parte de que a covid o trastoca todo, precísase unha boa plataforma e aí a UVigo ten unha excepcional, pero está a parte de coordinación entre os docentes e de traballo co alumnado. Hai que mimalo. Para nós, que somos unha titulación pequena, é fundamental. Somos a titulación de grao máis valorada da UVigo (segundo a enquisa de satisfacción a estudantado feita pola Universidade) e o máster é a segunda. Iso é traballo de moitos anos que non se ve. Certo é que o podemos facer porque temos un número limitado de alumnos. Entendo que hai titulacións que teñen que ter moitos, pero a nosa quere cubrir as matrículas, ter estudantes responsables e bos profesionais, para que redunde na calidade. Podemos atender a 25 de forma atenta. Non queremos perder a calidade pola cantidade.

Necesitabamos capacidades propias de xestión porque os nosos modelos de formación son absolutamente innovadores

Na modalide presencial cubríronse as prazas neste curso?

Si, e iso nun contexto complicado e non sendo tan coñecidos. Somos unha das tres titulacións do campus que garante o cen por cen da presencialidade. Fixemos un deseño específico de tempos e espazos para que os 25 que veñen á aula poidan estar todas as semanas, con atención e seguridade.

Hai uns anos dicíase que o perfil do estudantado de DXP era xente profesional que precisaba completar a súa formación ou lograr un título. Segue sendo así?

Comezamos cunha diplomatura na que tiñamos unha mistura de alumnado que viña da ABAU e da FP e do que viña de administracións públicas, consultoras, fundacións... Coa conversión ao grao empezamos a orientar. O alumnado que chega do instituto é fundamental para nós porque é o noso arraigo en Pontevedra e estamos ofrecendo un servicio público. Coa modalidade semipresencial, que puxemos en marcha en 2014, empezaron a volver os empregados públicos. Temos un perfil presencial de ABAU e FP, presencial, e un específico, agora virtual, para profesionais: xente dos concellos, deputacións, da universidade, de consultoras, asociacións ou xente que estaba xubilada ou no paro ou en ERTE. En definitiva, consolidamos unha modalidade.

Cales son os obxectivos do grao agora que se conseguiu cubrir as prazas e consolidar a nova modalidade? A internacionalización?

Claro. Por que precisamos unha Facultade de Dirección e Xestión Pública, a única de España e América Latina? Queremos que sexa unha plataforma para que os estudos do grao e do posgrao sexan estudos que poidan chegar máis aló das nosas fronteiras. O reto que nos plantexamos co equipo reitoral e co vicerreitor do campus é que estes dous títulos teñen que chegar a España, á lusofonía e a América Latina. Para iso non chega só cunha ferramenta. Aquí hai un traballo de 20 anos, cun proceso longo de selección de doutores, de investigadores internacionais por outras universidades. O cadro docente é moi bo e iso permítenos pensar que podemos chegar a España, sen esperar a consolidacións. A nosa facultade está a ser moi ben vista por institucións de fóra de Galicia pola súa innovación. Ese soporte fai que o grao e o posgrao cheguen a fóra.

Que prazos manexan para a constitución da facultade?

Dependerá das reunións dos órganos de goberno da UVigo e do Consello Xeral de Universidades, pero para 2021, seguro.

En Ciencias Sociais haberá complementariedade e tamén podemos traballar con outras facultades

Como se está a xestionar a separación de DXP da Facultade de Ciencias Sociais?

É un proceso pactado. Hai unha aprobación na Xunta de Facultade. Xurde pola necesidade que temos nós e non por ir contra ninguén. Necesitamos a nosa propia plataforma e responde a un proxecto a longo prazo. Cando un adopta esta posición non o fai contra ninguén. Todo o contrario, Teño falado cos vicerreitores e teño unha reunión coa nova decana. A partir de xa somos un centro en Pontevedra con dúas facultades, algo que non é novo na UVigo. É un centro onde haberá complementariedade en determinadas accións. En Dirección e Xestión Pública, por exemplo, que somos un referente a nivel galego e español, podiamos moito ter que dicir con outras facultades, se quixeran. Podemos traballar perfectamente con Forestais, con Educación e Deporte, con Belas Artes... E tamén con Ciencias Sociais. Non imos crear un espazo novo, Imos organizalo para que convivan dúas liñas de traballo da UVigo, que ofrece investigación, doutoramentos, graos e posgraos, que son complementarios e teñen que compartir espazos, Como un proceso normal de especialización, de profesionalización e incluso, a corto prazo seguro, de iniciativas compartidas, obviamente cada un desde a súa plataforma institucional, con cada decanato tomando as súas decisións. Debémonos basicamente ao alumnado e hai que buscar o mellor. O alumnado de Pontevedra e o que vén de fóra o que quere é que o profesorado e os investigadores lles dean boas clases, lles guíen bos traballos de investigación e fagan bos procesos de transferencia. Iso queren os administradores públicos, os profesionais do sector da consultoría que traballan coa administración pública e, sobre todo, é o que queren os alumnos que veñen a Pontevedra ou están conectados desde a súa casa. O ambiente de traballo vai ser bo. Vai ser un traballo compartido.

"Os nosos dous títulos teñen que chegar a España, á lusofonía e a...
Comentarios
ç