A nova Cátedra Unesco da UVigo servirá de "faro" para a sociedade

A educación transformadora é o eixe desta iniciativa, con sede en Pontevedra, na que participan 50 de docentes dos tres campus
Reigosa, en primer termo, con Márquez, Fariña, Soto e Pereiro antes da foto de familia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Reigosa, en primer termo, con Márquez, Fariña, Soto e Pereiro antes da foto de familia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un "faro" para a sociedade que alumee o traballo realizado a prol da igualdade educativa, do desenvolvemento sostible, da investigación e da transmisión de valores. Iso será a nova Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, que esta organización das Nacións Unidas vén de conceder á Universidade de Vigo e da que forman parte medio cento de docentes e cinco estudantes das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés, pero tamén de Vigo e Ourense. Dirixida pola catedrática Francisca Fariña, coa tamén catedrática Margarita Pino como coordinadora adxunta, as súas actividades «de investigación, formación e transferencia» centraranse en sete dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030, como explicou onte na súa presentación na Escola de Enxeñaría Forestal.

"Acadar esta cátedra para a nosa Universidade debe ser un motivo de orgullo para todos nós, porque non é doado obter a aprobación da Unesco", salientou Fariña, pois apenas hai unas 600 no mundo. Na presentación estivo acompañada polo reitor en funcións, Manuel Reigosa, o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro, e a coordinadora nacional da Rede de Escolas Asociadas da Unesco (PEA-Unesco), Luisa Márquez.

Concedida en abril por un período de catro anos, trátase dunha cátedra que, á súa vez, permite «renovar o noso compromiso cos valores da Unesco, que nestes momentos tan convulsos que estamos a vivir amósase máis preciso que nunca». A coordinadora da cátedra lembrou que a Unesco naceu co obxectivo "de contribuír á consolidación da paz, á erradicación da pobreza, ao desenvolvemento sostible e ao diálogo intercultural a través da educación, a ciencia, a cultura, a comunicación e a información". O acto celebrouse na Escola de Enxeñería Forestal, onde se sitúa a súa sede provisional.

Reigosa, na súa segunda xornada consecutiva en Pontevedra, subliñou que lograr esta cátedra é "un éxito que contamos que poida converternos nun faro que alumee moitas das cousas que xa están recollidas no noso plan estratéxico", que pasa por promover "unha Universidade máis galega, máis igualitaria e máis internacional", á vez que outorga unha especial importancia aos ODS, co obxectivo final de contribuír a que as futuras xeracións "convertan a sociedade galega nunha sociedade máis xusta, máis fraterna e máis igualitaria".

VANGARDA. Nesa mesma liña, Márquez puxo de relevo que unha cátedra "que fala de educación transformadora pode achegar moitas posibles solucións" a problemáticas como "a desigualdade no ámbito da educación" que, lembrou, fixo patente a covid-19. A pandemia "deixou a 87 millóns de nenos e nenas fóra das escolas". De aí que a coordinadora da rede PEA-Unesco subliñase que esta iniciativa "vai ser un faro para a Universidade de Vigo e para a toda a rede de escolas", da que forma parte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o único centro universitario integrado nesta rede en toda España.

"Trátase dun fito importante para o campus e para a UVigo, que demostra o seu crecemento educativo e investigador e o seu constante avance cara a vangarda universitaria", engadiu Pereiro. O representante da Xunta destacou tamén a "decidida aposta" do Goberno galego coa universidade, plasmado no plan de financiamento do SUG recentemente asinado, nun acto no que participaron tamén os vicerreitores en funcións de Comunicación e Relacións Institucionais; Mónica Valderrama; Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval; Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e o vicerreitor do campus Jorge Soto, así como a coordinadora galega da rede PEA, Susana Enguidanos.

EIXOS. Como explicou Fariña, a cátedra centrarase en sete dos ODS, os referidos a saúde e benestar; educación de calidade; igualdade de xénero; enerxía accesible e non contaminante; redución das desigualdades; cidades e comunidades sostibles; paz, xustiza e institucións sólidas e alianzas para acadar obxectivos. Entre outras iniciativas, abranguerá accións como a organización de xornadas e congresos, a produción de publicacións científicas e educativas ou a difusión de material audiovisual e de folletos informativos dirixidos a promover un desenvolvemento sostible, baseado na igualdade, na cultura de paz e no espírito crítico e ético. Así mesmo, na súa memoria recóllense tamén accións centradas na humanización de espazos educativos e sanitarios, a creación de unidades didácticas ou a participación de estudantes internacionais.

Comentarios