Nova edición de 'Galidance Intensive' na Semana Santa

Bailaríns de fama internacional participarán na Holy Dance Week
Pilar Torelli e Tino Fernández, durante a presentación. DAVID FREIRE
photo_camera Pilar Torelli e Tino Fernández, durante a presentación. DAVID FREIRE

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá durante os días 3, 4 e 5 de abril a segunda edición do Galidance Intensive, un evento organizado pola Concellería de Deportes en colaboración coa escola de danza Plié Dance School, no marco do programa A Vida é Movernos. Durante os tres días celebraranse catro sesións de baile diarias dunha hora e media de duración, distribuídas entre as 10:00 e as 19:00 horas. As aulas estarán impartidas por nove recoñecidas personalidades do mundo do baile urbano tanto a nivel nacional como internacional.

A través da Galidance Intensive preténdese dar a coñecer esta disciplina, amosando os beneficios que achega ás persoas, tanto físicos como mentais, así como crear un ambiente agradable no que os amantes da danza de todo o mundo se reúnan en Pontevedra, dando promoción á cidade e a Galicia. O programa da Holy Dance Week foi presentado onte polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e unha das organizadoras do evento e directora do Plié Dance School, Pilar Torelli.

Tralo éxito da pasada edición, Fernández amosouse seguro da boa acollida que terá a deste ano, que "vén moito máis reforzada e con gañas de quedar, de ser un elemento referente no mundo do baile e da danza, non só de Galicia senón de todo o Estado", sinalou o socialista antes de amosara a súa aposta por "consolidar" o evento na Boa Vila.

A segunda edición do Galidance ten pequenos cambios con respecto á pasada, na que os talleres eran esencialmente de baile urbano, e "esta ocasión contamos tamén cunha profesora que vén a dar danza contemporánea, que o ano pasado non tivemos e a xente nolo pediu, polo que optamos por unha maior variedade de estilos", asegurou a directora da Plié Dance School, Pilar Torelli. A organizadora tamén dixo que este tipo de eventos achegan á saúde mental. "O baile xéranos felicidade e endorfinas, e a enerxía  e o sentimento de familia creados neste proceso, fan que teñamos gañas de volver, o que é moi positivo a nivel emocional", explicou.

No que atinxe aos profesionais que impartirán as clases, no Galidance 2023 participarán tanto caras novas como ‘repetidores’ da pasada edición. Deste xeito, contarase coa presenza de Sergio Poveda, coñecido bailarín de Tiktok; Fran Herrezuelo, concursante de Fama a Bailar 2018 que colaborou con artistas como Aitana ou Lola Índigo; Carlos Díaz, bailarín e coreógrafo, que conta cunha ampla traxectoria internacional, aparecendo en actuacións de artistas mundialmente coñecidos como Mahmood, Lali ou Nathy Peluso. Entre as caras coñecidas deste evento, regresará a Pontevedra Marthe Vangeel, bailarina internacional de orixe belga que decide participar no Galidance Intensive por segundo ano consecutivo; volveremos a recibir a Evelio, actual bailarín da xira da cantante Ana Mena, que tamén bailou para artistas da talla de Rosalía ou Lola Índigo, e acabado de chegar de Turín, poderemos contar con Exon Arcos, un dos responsables do ‘bronce’ de Chanel na pasada edición do Festival de Eurovisión.

Inscricións

Para participar hai que comunicarse coa organización a través das redes sociais da escola @pliedanceschool, chamando ao teléfono +34 604 06 67 91 ou escribindo un mail a [email protected]. O programa ofrece 3 packs diferentes para os participantes en función dos días que desexen acudir. Deste xeito, se tan só se quere asistir un día, pódese adquirir o Bono Basic, cun custe de 110€; por dous días, habería que reservar un Bono Medium, cun prezo de 130€, e finalmente, para desfrutar da experiencia Galidance ao completo, o bono a mercar sería o Full Pack, de 205€.
 

Comentarios