A nova ordenanza do taxi introducirá o transporte a demanda en Pontevedra

Tamén inclúe unha tarifa plana a aeroportos ► Poderase optar por un servizo compartido e cada usuario pagar a súa parte

Parada de taxis en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Parada de taxis en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O vindeiro martes na Comisión de Mobilidade inicarase o proceso de redacción da nova ordenanza do taxi con tres obxetivos básicos. O primeiro é axustar a nova ordenanza á normativa actual posto que a existente xa quedou obsoleta; o segundo, introducir o transporte a demanda; e o terceiro, contemplar a intermodalidade, permitindo que os taxis se poidan coordinar con centros de transporte supramunicipais, como por exemplo os aeroportos. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Transporte, Demetrio Gómez Xunqueira, que indicou que no aspecto da intermodalidade, “imos introducir a posibilidade do desprazamento en taxi aos aeroportos que están fóra de Pontevedra cunha tarifa plana”.

Trátase, segundo Demetrio Gómez, de que “os veciños e veciñas de Pontevedra teñan acceso aos aeroportos da contorna cun servizo público e que non teñan que depender dun vehículo privado ou doutro tipo de transporte”.

Demetrio Gómez explicou que “estamos nunha boa oportunidade para facer isto porque o regulamento do taxi que se deriva da Lei do 2013, en concreto do Regulamento 103/2018 que nos permite algunhas cousas que non permitía o regulamento anterior, como establecer liñas de taxi practicamente regulares, e que o taxi deixe de ser necesariamente un vehículo de transporte individual e poida ser contratado de xeito compartido, pagando cada usuario a súa parte do transporte”.

Para este tipo de servizo, indicou que se presta especialmente o taxi, que podería ser compartido e mesmo contar con algún tipo de subvención

PRIORIDADE ABSOLUTA. Demetrio Gómez lembrou que “o transporte a demanda é unha prioridade absoluta para o Goberno municipal durante este mandato” e afirmou que “se trata dun proceso moi complexo porque non existen apenas referencias nin no Estado nin noutros lugares do mundo, pero nós imos ir dando pasos e tirar dalgunhas ferramentas que temos á man, como esta nova ordenanza do taxi”.

Por último, tamén lembrou que o transporte a demanda nace da necesidade de dar unha solución de transporte público á poboación da periferia da cidade e das parroquias. Neste sentido, explicou que o transporte de autobús tradicional está deseñado para un tipo de poboación concentrada, polo que para unha estrutura de poboación diseminada, como é o caso das parroquias, a solución pasa por utilizar vehículos máis pequenos e cun servizo que non sexa tan regular, polo que necesariamente ten que ser a demanda e adaptarse ás necesidades reais dos usuarios e usuarias destas zonas.

Para este tipo de servizo, indicou que se presta especialmente o taxi, que podería ser compartido e mesmo contar con algún tipo de subvención municipal, ao igual que calquera outro tipo de transporte urbano no resto das cidades.

Comentarios