Unha nova ordenanza limitará a velocidade das bicicletas a 5 km/hora en zonas peatonais

A norma, que quere regular os aspectos nos que se basea o modelo de cidade, inicia a súa tramitación publicándose na web municipal a última semana de maio, cando se abra un periodo de consultas veciñais para que se realicen as achegas que se consideren

limitacion30_jcervera_009
photo_camera Un sinal de limitación de velocidade en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello prepara unha nova Ordenanza de Mobilidade que regulará elementos de calmado de tráfico como os lombos e outros aspectos relacionados co modelo de cidade, como as normas de circulación en bicicleta ou as limitacións de velocidade. 

A tramitación da ordenanza, aínda nunha fase inicial, comezará na última semana de maio coa súa publicación na web municipal e a apertura dunha consulta veciñal a través da sede electrónica para que se realicen as achegas que se consideren. Ademais, remitiráselle especificamente a federacións de veciños e á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para que apunten o que lles pareza. A maiores, levarase á Comisión de Mobilidade, para que os distintos grupos municipais a poidan revisar.

O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera, explicou este sábado, na presentación da tramitación da nova norma, que esta substituirá á anterior, de 1989, "superada na maioría do seu articulado, derogada polas sucesivas modificacións de normas superiores e sobre a que ademais xa se fixeron dúas modificacións importantes relativas á redución de velocidade". O concelleiro puntualizou tamén que a nova ordenanza non tocará o regulado en normas estatais como a Ley de tráfico ou o Código de circulación. "Referirase a cuestións en mans dos concellos ou non reguladas".

O Concello dispón dun borrador da nova norma, que contempla aspectos como que todos os vehículos, incluídas as bicicletas, pasen a circular pola calzada e nos espazos que comparten o peón teñan que adecuar a súa velocidade a un máximo de cinco kilómetros por hora

Para traballar na norma, o Concello contratou, o pasado mes de marzo, ao enxeñeiro Fernando Nebot, autor da ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable’, da Deputación Provincial.  O obxectivo da nova ordenanza, segundo dixo Mosquera, é regular os aspectos relativos á mobilidade urbana que amparan o modelo de cidade, entre outras cousas, para dotar dun instrumento legal á Policía local. "A idea básica sería a de traducir a unha norma o que é a nosa prioridade de mobilidade, que encabeza o peón, segue coas bicicletas e co transporte público e remata co vehículo privado", explicou Mosquera. 

Entre outras cousas, Mosquera avanzou que o Concello xa dispón dun borrador da nova ordenanza que contempla aspectos como que todos os vehículos, "incluídas as bicicletas", pasen a circular pola calzada e nos espazos que comparten co peón teñan que adecuar a súa velocidade á del, un máximo de cinco kilómetros por hora.

Ademais de incluir aspectos relativos aos dereitos e deberes dos usuarios das vías, ás normas de circulación en bicicleta, á regulación de tráfico e do estacionamento de servizos, ás limitacións de velocidade e ás competencias dos órganos municipais, recollerá a regulación dos elementos de calmado de tráfico, en concreto dos pasos de peóns sobreelevados, os lombos, seguindo a liña do informe de 2010 do enxeñeiro da Oficina de Infraestruturas e Servizos sobre o que se veu fundamentando o traballo do Concello neste sentido e da Ordenanza de seguridade viaria da Deputación Provincial de Pontevedra, así como da ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable’ do mesmo organismo.

A redacción da ordenanza, que xa estaba prevista, iniciouse tras ser aprobada unha mocion do Partido Popular no último Pleno municipal (moción que contou co apoio do Goberno de Lores) e para dar resposta "á elevada demanda que neste sentido temos doutras cidades interesadas neste tipo de regulamento". Segundo Mosquera, a nova Ordenanza de Mobilidade estará lista probablemente en xullo e será levada ao Pleno despois do verán. 

Comentarios