viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

A nova Praza do Pintor Arturo Souto: con plataforma única e sen barreiras arquitectónicas

Demetrio Gómez, cos responsables veciñais na Praza do Pintor Arturo Souto. CONCELLO
Demetrio Gómez, cos responsables veciñais na Praza do Pintor Arturo Souto. CONCELLO
As obras do proxecto, que foi consensuado cos veciños, comezarán o próximo luns

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, mantivo esta semana unha reunión na Praza do Pintor Arturo Souto co fin de informar do comezo das obras para a renovación integral deste lugar. Estiveron presentes membros da Asociación de Veciños da Eiriña, presidentes de comunidades de veciños, comerciantes dos negocios próximos, amais doutros residentes da zona.

A actuación mudará substancialmente o aspecto da praza, ao convertela nun espazo dotado con accesibilidade universal, sen barreiras arquitectónicas –como si posúe actualmente– e con plataforma única, seguindo o camiño trazado por proxectos semellantes noutras partes da cidade. Alén de sinalar que as obras comezarán o luns 17 de xaneiro, Gómez fixo fincapé no obxectivo de recuperar este espazo para todas as persoas, e que realmente poida ser usado polos veciños e os comerciantes dun xeito libre, a través dunha convivencia sa e amable.

Un dos puntos máis notables da actuación será a desaparición do carril de vehículos que ata hoxe bordeaba a praza. Unha vez rematada a obra, os vehículos poderán seguir accedendo até o final desta, pero deberán facelo como en calquera outro punto da cidade, limitando a velocidade, convivindo cos peóns e sen preferencia, ao non contaren cun paso de seu.

O proxecto de renovación foi consensuado con anterioridade coas agrupacións e comunidades de veciños da zona, que, de novo, foron informados do proxecto, plano en man, durante esta última reunión.

As laranxeiras da zona serán transplantadas a outro lugar, pois serán renovadas por outro tipo de arboredo. Nese sentido, o edil de Obras sinala que non hai unha preferencia, pero que serán as que os técnicos poidan plantar no intre de remate da obra e dependerá da tempada e dos exemplares que haxa no viveiro.

Gómez, atendendo a situación actual na que conflúen a crise sanitaria, amais da crise mundial de subministracións e a falta de man de obra, declina ofrecer unha data para o remate da obra, mais espera que sexa "no menor tempo posíbel", tendo en conta todas as circunstancias presentes.

A nova Praza do Pintor Arturo Souto: con plataforma única e sen...
Comentarios