A nova senda de Alba entrará en obras en xullo

A Xunta adxudica o vial á empresa Oresa por 478.385 euros e coa previsión de tela rematada "este mesmo ano"
photo_camera Recreación virtual da senda. CEDIDA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou onte as obras da nova senda peonil que unirá San Caetano e Alba e que permitirá mellorar este tramo do Camiño Portugués. Ademais, convocou aos propietarios dos terreos afectados para o pago dos depósitos previos á súa ocupación e formalización das actas para o vindeiro 15 de xullo.

A actuación, que implicará unha "mellora da seguridade viaria e fomento da mobilidade sostible", foi adxudicada á empresa Oresa, S.L. por 478.385 euros, 111.122 menos do importe de licitación. A previsión é que as obras comecen a finais do mes de xullo co obxectivo de "telas rematadas este mesmo ano", xusto antes do inicio do Ano Santo Xacobeo.

A intervención centrarase na execución dun itinerario de 600 metros a ambas marxes da estrada autonómica PO-225, o vial que une as estradas de Vilagarcía (PO-531) e Santiago (N-550). Na actualidade trátase dunha vía que está considerada como un punto negro, xa que non existen beirarrúas e tanto os veciños como os peregrinos que transitan pola zona deben facelo polo propio vial ou polas escasas áreas con arcén. A zona da actuación coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués, polo que a construción desta senda "permitirá a posta en valor de toda a súa contorna".

O vial partirá do paso elevado do tren e discurrirá por ambos marxes da estrada. O proxecto obrigará a desprazar zonas de estacionamento da área industrial e implicará a creación dunha pasarela sobre o río Rons. Ademais, derivará na rectificación dunha curva da estrada, o arranxo da praza colindante coa capela e a creación dunha zona axardinada.

Segundo lembran fontes oficiais, este novo itinerario enmárcase no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.

PAGO DOS DEPÓSITOS. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP) publicou este venres a convocatoria aos propietarios dos terreos afectados pola execución destas obras para o pago dos depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. Os convocados deberán acudir o 15 de xullo ao Pazo da Cultura de Pontevedra entre as 10:00 e as 13:45 horas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reactiva así os actos expropiatorios suspendidos pola declaración do estado de alarma, aínda que mantendo a garda. "Os actos realizaranse sempre de acordo cunhas estritas medidas preventivas do risco de contaxio por mor da covid-19 establecidas nun protocolo de seguridade aprobado polo Consello da Xunta o pasado 8 de maio".

Comentarios