Nova temporada dos Domingos do Principal

O festival infantil de teatro inaugurou este domingo un novo ciclo co espectáculo de monicreques 'A comer!', da compañía catalana Peus de Porc, que conta a historia dun ogro famento obrigado a xantar unha sopa de verduras
Un momento do espectáculo de monicreques 'A comer!', este domingo no Teatro Principal
photo_camera Un momento do espectáculo de monicreques 'A comer!', este domingo no Teatro Principal

"O ogro coxo e famento está a piques de xantar unha triste sopa de verduras cando, na súa porta, aparece un meniño...". Así resume a compañía catalana Peus de Porc a obra de teatro que representou onte en Pontevedra para dar comezo ao ciclo Domingos do Principal.

A peza recibiu o Premio Feten 2015 ao Mellor Espectáculo de Monicreques e estaba recomendada para nenos e nenas de máis de cinco anos. Unha morea de cativos seguiron de preto o dilema do ogro, que se debatía entre tomar un prato de sopa ou devorar un neno famento e cheo de frío.

Como vén sendo habitual nas anteriores edicións, a peza representouse en dúas funcións, unha pola mañá (12.00 horas) e outra pola tarde (18.30 horas). A estrea da nova edición de Domingos do Principal comezou con algunha cola minutos antes do espectáculo e co teatro cheo de pequenos en ambas as dúas funcións.

AS OBRAS. A representacións deste ciclo continuarán o vindeiro domingo e estenderanse até o 6 de marzo. Así, a seguinte peza que se interpretará na cidade será Jim e a illa do tesouro, o próximo 24 de xaneiro. Nesta obra de monicreques "non falta o parche no ollo, os piratas bos e malos e os papagaios no ombreiro", tal e como a definía unha das organizadoras do ciclo, Tereixa Alonso, de Teatro Akatro. A compañía encargada da súa posta en escena será a galega Eme dous.

O domingo 31 de xaneiro será a quenda do clásico Pinocho, que chega a Pontevedra da man da peza Pinocchio, figlio di Gepetto. A compañía que interpretará a peza será La Baldulfa (Cataluña). A obra acadou os premios Feten 2015 a Mellor Espectáculo e Mellor Dirección.

Xa en febreiro, a compañía Mucab Dans traerá ao Principal Burbullas de papel, un espectáculo interactivo e de participación con danza, música en directo e interacción multimedia, ademais de burbullas de xabón, sombras, luz negra e globos. A peza de danza contemporánea, videocreación e multimedia recibiu o premio a Mellor Espectáculo Familiar da Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo 2015.

As representacións continuarán até o domigo 6 de marzo, cando Baobab Teatro porá fin ao ciclo coa peza Luppo.

As entradas para cada unha das funcións custan catro euros e existen abonos para todo o ciclo por 21 euros que se poden comprar por Internet na páxina web www. ataquilla.com.

Comentarios