O novo campo de herba sintética de Ponte Sampaio poderá usarse desde a próxima semana

Lores e Tino Fernández visitaron as instalacións
Acto de recepción oficial e inauguración do terreo de xogo celebrado este sábado. DP
photo_camera Acto de recepción oficial e inauguración do terreo de xogo celebrado este sábado. DP

O Concello pon a disposición da veciñanza o campo de herba sintética de Ponte Sampaio A veciñanza de Ponte Sampaio poderá empezar a usar o novo campo de herba sintética e as súas instalacións a partir do luns.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e do concelleiro delegado da parroquia, Raimundo González, visitaron este sábado o novo campo de herba sintética de Ponte Sampaio. Tamén estiveron presentes representantes dos clubs deportivos que as van empregar e dos colectivos veciñais da parroquia.

"Hoxe é un día importante porque poñemos a disposición un campo de herba sintética regulamentario para os equipos Unión Sampaio e a escola de base Río Verdugo que teñen arredor de 300 rapaces xogando", explicou o alcalde logo de visitar as instalacións deportivas. Quixo resaltar que "o campo está fóra da liña de Costas, logo dunha xestión complexa para poder solicitar a súa reversión, e recuperar os terreos afectados polo anterior campo, que permitirán ampliar o espazo de lecer que está unido á praia de Ponte Sampaio".

Tino Fernández, pola súa banda, tamén resaltou que "é a primeira parte deste gran proxecto de recuperación do espazo de lecer de Ponte Sampaio" e recordou que esta nova instalación deportiva está “dentro do plan de campos do rural que permiten acceder aos nenos e nenas ao deporte”.  De forma inminente iniciarase a xestión para que se cumpran os protocolos anticovid e será a partir da semana que vén cando o campo poderá ser usado polos veciños.

Como destacaron tanto o alcalde como o tenente de alcalde, a construción do campo de herba sintética é o primeiro fito dun proxecto moito máis ambicioso que consiste en actuar nuns 30.000 metros cadrados da Xunqueira de Ponte Sampaio, tanto ampliando a súa superficie como recuperando os terreos invadidos por outras instalacións.Tino Fernández e Lores pasean sobre o campo de Ponte Sampaio. DP

Ata agora, esta zona de lecer dos veciños da parroquia e de moitos pontevedrese estaba ocupada polo vello campo que impedía ampliar os espazos libres na zona. A construción do novo campo respondía á necesidade de poder derrubar aquela instalación deportiva e deixar libres o terreo no que poder ampliar a praia da Xunqueira, os espazos infantís, polideportivos e, incluso, reordenar mellor o tráfico na zona.

Con este obxectivo, o Concello comprou no ano 2018 unha parcela de 11.000 metros cadrados, detrás do colexio público, por 120.000 euros, onde se levantaría o novo campo. E iniciou a súa construción.

O novo campo de Ponte Sampaio tivo un custe de 1.330.819,60 euros en parte financiados cun convenio coa Deputación provincial. Sufriu diversos atrancos na súa construción, o que demorou o tempo de entrega.

En plena obra, a empresa adxudicataria do proxecto, Ediserpo, entrou en proceso concursal e tivo que ser asumida pola segunda mellor oferta no concurso de licitación: UTE E.C.Casas - Imesapi, quen, finalmente, tamén tivo asumir os ritmos de traballo propios da pandemia.

O novo campo
As dimensións do terreo de xogo de herba sintética de última xeración, que cumpre coa normativa FIFA Quality, é de 90x85 metros. Dispón de dous edificios construídos destinados a vestiarios e bancadas. Ao respecto dos vestiarios, son catro para os equipos e dous para os árbitros, e tamén acolle a instalación para caldeiras. As bancadas inclúen a billeteira, cantina, baños e almacéns de uso do campo. Finalmente, está dotado céspede artificial, porterías, bancos de suplentes, marcador e iluminación.
Tamén dentro do proxecto incluíuse a urbanización da contorna, onde se instalaron medidas de calmado de tráfico, creouse unha senda peonil para segregar o paso dos vehículos do paso dos peóns, e pintouse sinalización horizontal en todo o ámbito. O custe desta urbanización foi de 48.150 euros. Tamén se acometeu a demolición do vello terreo de xogo.