Novo directorio de locais con servizo de comida a domicilio

A Concellería de Promoción Económica e Hoempo impulsan unha relación de establecementos que levan os menús ás casas ou para a recollida en local
2020111008270273005
photo_camera Unha fila de persoas este luns diante dun establecemento de comida para levar. BEATRIZ CÍSCAR

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, e a Asociación de Hostelería de Pontevedra (Hoempo), en colaboración cos colectivos empresariais da cidade, están a xestionar a creación dun directorio de todos aqueles establecementos hosteleiros que, durante este peche obrigatorio, oferten servizos de envío de comida a domicilio ou recollida en local, ou ben que desexen facelo e non saiban como.

A primeira fase deste proceso de confección do directorio consistirá na recollida de información sobre os negocios interesados, para o que tanto o departamento que dirixe Yoya Blanco como Hoempo, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), a Asociación da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM) e a Cámara de Comercio están a distribuír, vía correo electrónico e whatsapp, un formulario que inclúe datos dos establecementos (nome, enderezo, teléfono e web), de contacto (nome, teléfono e correo electrónico) e servizos ofertados ou que se desexan ofertar.

Non obstante, todos aqueles interesados en adherirse ao directorio terán ata o xoves 12 de novembro para remitir a información necesaria a través das direccións de correo electrónico [email protected] e [email protected].

Tal e como explica Yoya Blanco, "unha vez confeccionado, o directorio de establecementos hosteleiros poderá consultarse no marketplace E-Ponte.com e nas páxinas web e redes sociais de Hoempo, Concello de Pontevedra, #PonteLovers, AJE, Aempe, CCU ZM, Cámara de Comercio e Proxecto ILES".

"No caso de que os locais non teñan entrega a domicilio e queiran tela, ofreceráselles axuda e asesoramento para poñela en marcha", subliña a socialista.

Comentarios