Un novo mestrado potenciará a investigación e a innovación en Infantil e Primaria

Trátase dun máster interuniversitario que ofrecerá 20 prazas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra

Participantes na presentación, entre eles o decano e integrantes da Comisión Académica. DUVI
photo_camera Participantes na presentación, entre eles o decano e integrantes da Comisión Académica. DUVI

Proporcionar a posibilidade dunha especialización en investigación e innovación en didácticas específicas aos titulados nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, así como a profesionais da docencia, constitúe un dos propósitos centrais do novo mestrado interuniversitario que comezará a impartirse nas tres universidades galegas no curso 2018-2019, segundo informou este martes a UVigo.

O máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria contará con 20 prazas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde o martes tivo lugar a súa presentación. O posgrao "foi cualificado como estratéxico pola Xunta de Galicia", lembrou o decano, Vicente Romo.

Así mesmo, contribuirá a facilitar "o acceso ao doutoramento e ás posibilidades de mellora de emprego" dos titulados nestes eidos, tal como engadiu a coordinadora da titulación na Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, quen recoñeceu tamén a implicación tanto da Xunta como das tres universidades á hora de "chegar a un consenso" que permitiu, engadiu, que esta facultade "conservase os másteres que xa temos e engadísemos un máis". Nese mesmo senso, Romo salientou a implicación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, "sen o que isto non tería sido posible", así como dos reitores das tres universidades con esta titulación, que, segundo o calendario aprobado pola Universidade, abrirá a súa preinscrición o 22 de xuño.

A presentación contou tamén coas intervencións da directora do Departamento de Didácticas Especiais, Marián Fernández Villarino, quen salientou a "importante oportunidade" que este novo posgrao supón "para o desenvolvemento profesional" do alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria e do presidente da delegación de estudantes da facultade, Marcos García, quen agradeceu a consecución dunha nova titulación "que pode axudar a mellorar moito máis a nosa institución".

INTERDISCIPLINARIEDADE. A nova titulación está integrada por 60 créditos ETCS de formación presencial e articúlase, como explicou o secretario da Comisión Académica, Uxío Pérez, nun primeiro cuadrimestre de materias obrigatorias. Entre elas destacan, engadiu Lires, "novidades interesantes" como aquelas que se centran no traballo por proxectos, "que era unha demanda do colectivo estudantil", así como as que abordan "experiencias interdisciplinarias" que engloban as áreas de música, linguas estranxeiras e didáctica das ciencias experimentais.

A metodoloxía de investigación ou o uso das TIC no ensino tamén forman parte do grupo de contidos obrigatorios desta titulación, que suma unha materia sobre o ensino en linguas estranxeiras de materias curriculares específicas.

A partires de aí, o mestrado complétase no segundo cuadrimestre cunha serie de materias optativas, cuxa oferta varía nas tres universidades, e que abarcan, explicou Pérez, "cinco grandes áreas curriculares, a didáctica das ciencias experimentais, a didáctica da expresión musical, a didáctica da expresión artística, outra de aspectos de linguas tanto estranxeiras como iniciais e outra de educación física e expresión corporal", con dúas materias centradas en cada un destes bloques.

Prácticas con máis profundidade
A formación completarase cun período de prácticas que, segundo explicou a responsable desta área na nova titulación, Antonia Blanco, "van ser diferentes e de maior profundidade que as do grao".

Concretamente, impulsarase "un prácticum bastante innovador" vinculado a actividades de investigación e innovación, engadiu Pérez, quen explicou que o propósito é que este período de prácticas constitúa "o traballo de campo para facer o traballo de fin de máster, no que haberá que investigar e innovar", para logo recoller os resultados deste proceso nun traballo "cunha estrutura semellante á dun artigo de investigación".

Comentarios