Novo plantón de Carmela Silva ao PP no Parlamento polos Orzamentos

A presidenta da Deputación repite ausencia por segundo ano ►Baltar, Cacharro e Louzán fixeron algo similar en 2005

Carmela Silva, en rolda de prensa. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Carmela Silva, en rolda de prensa. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volve ausentarse da Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia á que foi chamada para explicar as contas do ente provincial, como xa fixo o pasado ano con críticas polo que denunciou como intento de "control das administracións locais". 

Nunha carta enviada ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, Carmela Silva explica as razóns de por que se volve a negar a acudir ao Pazo do Hórreo, unha excepción á que había que remontarse a épocas do bipartito (en 2005), para os orzamentos de 2006, e que entón protagonizaran os presidentes provinciais do PP –Ourense (José Luís Baltar), Lugo (Cacharro Pardo) e Pontevedra (Rafael Louzán)–. 

Con todo, desde 2007 (para os orzamentos de 2018), todos os presidentes provinciais sexa cal for a súa cor política acudiran ininterrompidamente a dar explicacións sobre os orzamentos, até o pasado ano. Esta tradición rompeu en 2017 cando Carmela Silva e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que si o fixo este ano para os orzamentos de 2019, decidiron non ir á sede do Lexislativo autonómico. 

Tras esta situación, o Grupo Popular incorporou na coñecida como Lei de acompañamento aos orzamentos galegos (aprobada en decembro de 2017) unha emenda na que se inclúe o deber das deputacións provinciais de acudir á Cámara a explicar as súas contas. "Unha emenda totalmente incongruente, por inexistencia de conexión material entre a proposta lexislativa e o contido", incide Carmela Silva na súa carta remitida ao Parlamento, con data do 26 de outubro, pero con rexistro de entrada deste venres 2 de novembro, segundo a documentación solicitada por Europa Press. 

Silva apóiase na xurisprudencia do Constitucional e no posicionamento xurídico dos servizos do propio Parlamento para incidir en que esa emenda debería ser rexeitada por "non ter conexión" co texto que se corrixe. 

Na misiva remitida este ano, Carmela Silva sinala, ademais, que a obrigatoriedade de comparecencia debería ser, en todo caso, para os "responsables dos programas de gasto da Comunidade Autónoma" e "non é o caso". De feito, refírese ao informe do 17 de novembro de 2005, cando se negaron a acudir os presidentes populares en época do bipartito.

NOVA "CONFRONTACIÓN". "A incomparecencia dun presidente de deputación provincial ante a Cámara non leva responsabilidade xurídica ningunha, posto que as normas que amparan o deber de colaboración e boa fe constitucional non contemplan sanción para o seu incumprimento", concluían os xurídicos aquel novembro de 2005. 

Ademais, a presidenta do ente provincial afea que "en lugar de buscarse o diálogo" fronte á súa ausencia do pasado ano, o que se fixo foi "aprobar unha norma" que está cuestionada, dixo. 

"Entendemos que esta norma é unha nova mostra do comportamento do Goberno da Xunta en procura da confrontación", conclúe a presidenta da Deputación, quen, ao cabo, engade que o orzamento se porá en coñecemento da comisión "en breve prazo". 

Comentarios