Luz verde ao novo vial de servizo de Montecelo

Custará 1,36 millóns e estará limitado a 30 km/h
O concelleiro Alberto Oubiña presenta o novo vial de servizo de Montecelo. DP
photo_camera O concelleiro Alberto Oubiña presenta o novo vial de servizo de Montecelo. DP

Unha xunta de goberno extraordinaria aprobou este mércores o convenio entre Deputación e Concello de Pontevedra para a construción do viario de acceso e servizos do novo Hospital Montecelo.

Esta actuación estaba recollida noutro acordo, o firmado por Concello e Xunta en 2016, que sentaba as bases para a construción do Gran Montecelo. Esta sinatura comprometía a sufragar os gastos precisos para dotar á parcela das infraestruturas necesarias, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministro eléctrico e de gas, alumeada, telefonía...

O novo vial prevé circunvalar o Hospital Montecelo, contando cun inicio e un fin na Avenida Montecelo. Será esta unha vía de calzada única, cun carril por sentido e beirarrúas a ambos os dous lados, coa velocidade limitada a 30 quilómetros por hora, e pasos de peóns elevados para o calmado do tráfico. Seguirá o esquema do modelo Pontevedra, ao igual que outras rúas da cidade, contando con catro redondas, unha ao final, outra ao comezo, e dúas no traxecto intermedio. Tamén contará cunha iluminación de seu, potenciada nos pasos peonís.

O concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, sinalou que "é unha actuación interesante que mellorará os accesos e beneficiará a toda as persoas usuarios do Hospital, mais tamén a toda a veciñanza da zona".

O custe total da intervención é de 1.369.951 euros, aos que se lles suman preto de 124.500 euros das expropiacións feitas pola Xunta de Galicia en base ao convenio asinado con Pontevedra.

Nas vindeiras semanas procederase a efectivizar a sinatura por parte da presidenta da Deputación e do alcalde de Pontevedra, para así poder comezar coa licitación. A previsión do Concello é que quede resolta este ano, coa idea de comezar as obras canto antes e que vaian emparelladas coa execución do Gran Montecelo.

Comentarios