Novos cinemas: compartir e dar a ver

Cun Teatro Principal ateigado para a proxección de ‘Arima’, o debut na longametraxe de Jaione Camborda, comezou o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que proxectará 20 películas e incluirá obradoiros, encontros e concertos
O equipo de 'Arima' con Jaione Camborda (cuarta pola dereita) á fronte, no photocall instalado na entrada do Teatro Principal. RAFA FARIÑA
photo_camera O equipo de 'Arima' con Jaione Camborda (cuarta pola dereita) á fronte, no photocall instalado na entrada do Teatro Principal. RAFA FARIÑA

"A partir deste momento, o festival é voso. Facede con el o que queirades. Apropiádevos del", sinalou este martes Ángel Santos, codirector do Festival Internacional de Pontevedra Novos Cinemas xunto a Daniel Froiz e Suso Novás, na inauguración da cuarta edición do evento, que se prolongará ata o domingo 15 de decembro e que incluirá a proxección de 20 películas, obradoiros de diverso tipo, encontros e concertos. "Para que serve un festival de cine? É unha reflexión que nos facemos a miúdo no noso equipo. Porque pensamos que ten que servir para algo máis que para exhibir películas. Nós queremos que Novos Cinemas sirva para compartir e para dar a ver".

►Programación completa do festival, horarios e entradas:
www.novoscinemas.com

Santos defendeu que o festival de Pontevedra, adicado ás primeiras obras dos cineastas, aspira a algo máis que a proxectar películas. Quere ser un punto de encontro entre cineastas, profesionais do sector e público, un laboratorio de desenvolvemento de proxectos e unha referencia formativa, "un punto de encontro dos filmes e das ideas". Todo iso ten que ver coa idea de compartir. Coa idea de dar a ver prográmanse unha serie de películas, dentro de diferentes seccións, que os directores do festival escollen con delicadeza. Santos destacou da programación deste ano o ciclo adicado ao cineasta belga Bas Devos e os títulos galegos, entre eles, Arima para a inauguración e Longa noite para a clausura. "Gustaríanos que todos os filmes foran recibidos como cando un amigo che presta un libro coa intención de transmitir algo que te fai feliz".

Ángel Santos (esquerda) e Daniel Froiz na inauguración do evento. RAFA FARIÑA
Ángel Santos (esquerda) e Daniel Froiz na inauguración do evento. RAFA FARIÑA
 

Ademais de Santos, na inauguración de Novos Cinemas, que ateigou o Teatro Principal para a proxección de Arima, participaron Daniel Froiz e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. O primeiro tamén se referiu á intención dos responsables do festival de convertelo nalgo máis que un evento convencional destas características. "Queremos que sexa un espazo de confluencia entre público e cineastas", sinalou. "Porque para nós o cine é unha ferramenta que contribúe a que a cidadanía teña unha ollada propia e a que sexa un pouco máis libre". Pola súa banda, Lores destacou a relación do festival co Campus de Pontevedra, ao que está permanentemente vinculado.

GUERREIROS. Antes da proxección da película inaugural, Arima, a súa directora, Jaione Camborda, e boa parte do equipo subiron ao escenario para presentala. "Gustaríame destacar o traballo de todo o equipo", dixo a cineasta. "Todos deixaron a súa pegada no filme. Foron grandes guerreiros e moi xenerosos".

A maiores, o martes pola tarde, o festival proxectou os traballos saídos do obradoiro que realiza no Campus e que este ano coordinou precisamente Camborda.

Tras a proxección da película inaugural, os convidados do festival trasladáronse ao Liceo Casino, onde tivo lugar o tradicional cóctel de benvida de Novos Cinemas, no que participaron, ademais de boa parte do equipo que está detrás do evento, políticos, persoeiros da vida social e cultural e xente da industria audiovisual galega. RAFA FARIÑA
Tras a proxección da película inaugural, os convidados do festival trasladáronse ao Liceo Casino, onde tivo lugar o tradicional cóctel de benvida de Novos Cinemas, no que participaron, ademais de boa parte do equipo que está detrás do evento, políticos, persoeiros da vida social e cultural e xente da industria audiovisual galega. RAFA FARIÑA

Comentarios