Novos Cinemas resalta da V edición a creación dunha versión online

O festival fai balance destacando que os encontros virtuais con cineastas como Nuria Giménez ou Andrés Goteira chegaron a 400 espectadores
Foto de grupo dos convidados desta edición de Novos Cinemas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de grupo dos convidados desta edición de Novos Cinemas. GONZALO GARCÍA
As posibilidades que abre para o festival ter posto en marcha unha versión online a través da plataforma Filmin é o aspecto máis destacado da quinta edición de Novos Cinemas, segundo o balance que vén de facer público a organización do evento.

"Nunha edición marcada pola seguridade, pola actual situación sanitaria e polos peches perimetrais da gran maioría das localidades galegas, o certame apostou polo espallamento de gran parte dos seus contidos máis alá da cidade de Pontevedra a través dunha sede online do festival", indican os responsables da proposta. E apunta algún exemplo concreto do que significa conta cunha versión en liña: "Os encontros cos cineastas Nuria Giménez Lorang e Andrés Goteira, aínda que tiveron lugar no Museo de Pontevedra cun acceso reducido, tamén chegaron a 400 espectadores e espectadoras a través da rede".

A quinta edición do festival Novos Cinemas celebrouse en Pontevedra entre o 15 e o 20 de decembro e contou este ano, por primeira vez, coa posibilidade de ver algúns dos seus títulos a través de Filmin. A maiores, actividades como os encontros tamén se puideron seguir a través de internet.

300 PROPOSTAS NO LAB. Novos Cinemas lembrou tamén que este ano se marcara un récord de recepción de propostas no LAB, un apartado a través do que cineastas profesionais asesoran o desenvolvemento de proxectos de autores noveis. Foron 300, das que se seleccionaron cinco.

O premio da sección oficial deste ano foi para "Il N"Y Aura Plus de Nuit" documental da francesa Eléonore Weber.

Comentarios