Os composteiros comunitarios de Ponte Boleira e Camiño de Ferro estréanse este mércores

As mestras composteiras estarán a pé de instalación co fin de informar á veciñanza sobre o proceso e aclarar dúbidas

Imaxe do interior do composteiro situado en Eduardo Pondal. CONCELLO
photo_camera Imaxe do interior do composteiro situado en Eduardo Pondal. CONCELLO

Os novos composteiros comunitarios en Ponte Boleira e no Camiño de Ferro comezarán a funcionar este mércores tras finalizar as obras de instalación

As mestres composteiras estarán a partir das 17.30 horas na instalación co fin de informar aos veciños sobre o proceso de tratamento alternativo de biorresiduos que está a poñer en marcha o Concello de Pontevedra, aclarar dúbidas sobre o xeito correcto de selección do lixo en orixe ou calquera outro aspecto do proceso.

O éxito do uso do primeiro centro no barrio –no cruzamento das rúas Teixoeira e Eduardo Pondal– que desbordou todas as previsións, xunto a petición por escrito de novos composteiros por parte de veciños da zona interesados en compostar os seus biorresiduos están detrás do despregue de novos centros no barrio.

A demanda de composteiros comunitarios vai a máis na cidade e para facer fronte a esta demanda o Concello traballa na contratación de catro persoas para atender os centros de compostaxe xa que o persoal do Plan Revitaliza da Deputación asignado a Pontevedra comeza a non dar abasto.