Novos cursos para ser operador de carretilla

O Concello impulsa a actividade, que será gratuíta, e se celebrará entre os días 5 e 10 de xullo. Os veciños en paro terán prioridade
A concelleira Yoya Blanco coa última promoción do curso de operador de carretilla. CONCELLO
photo_camera A concelleira Yoya Blanco coa última promoción do curso de operador de carretilla.

Tralo éxito do primeiro curso organizado entre os 14 alumnos que o completaron e a elevada demanda existente deste tipo de formación, a Concellería de Promoción Económica e Turismo decidiu poñer en marcha unha nova actividade formativa de operador de carretillas elevadoras en colaboración co centro Ara Formación.

O novo curso presencial tamén será impartido totalmente de balde e terá unha duración de 24 horas, desenvolvéndose entre os días 5 e 10 de xullo: a parte de coñecementos teóricos de luns a venres, en horario de 9.30 a 13.00 horas, e a parte práctica na xornada do sábado, entre as 8.00 e as 15.00 horas.

A Concellería que dirixe a socialista Yoya Blanco abriu hoxe o prazo de inscrición para esta formación, que, tal e como subliña a edil, "está destinada de xeito prioritario a persoas desempregadas empadroadas no noso concello". "As inscricións poderanse realizar a través da dirección de correo electrónico [email protected], indicando no asunto "Ref: Carretillas" e proporcionando a seguinte información: nome e apelidos, DNI, dirección postal, número de teléfono, e-mail e antigüidade como desempregado", explica.

Ao igual que no primeiro curso, os alumnos participantes poderán recibir formación teórica en aspectos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis...); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de producirse situacións de risco, retención do operador ou outro tipo de situacións.

No que atinxe á parte práctica, o alumnado terá ocasión de reproducir manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en ramplas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (contidos axustados aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 quilos).

A Concellería de Promoción Económica seguirá mantendo aberta a posibilidade de novos cursos formativos para mellorar a empregabilidade dos veciños de Pontevedra que están no paro. En moitas destas iniciativas, o alumnado non só mellora as súas competencias profesionais, senón que tamén pode acceder a postos de traballo en sectores que se converteron en esenciais durante a pandemia do coronavirus, como o da alimentación.

Comentarios