Núbebes completa el aforo

O festival de artes escénicas para os máis cativos pecha a súa primeira fin de semana con éxito de público e con novidades para facer máis levadeiro o tempo de cola
Imaxe da xornada en Núbebes, coa representación de 'Martes' e os contos sensoriais da man de Amencer Aspace
photo_camera Imaxe da xornada en Núbebes, coa representación de 'Martes' e os contos sensoriais da man de Amencer Aspace

Tres estrelas pequenas e a lúa aparecen de súpeto sobre o escenario do Teatro Principal. Semella que ninguén as manexe pero, tras elas, varios expertos no manexo dos monicreques vestidos de negro moven os fíos para dar vida a unha historia, a de Martes, a peza de Baobab Teatro que se representou este domingo no Principal dentro do Festival das Núbebes.

Á cita asistiu unha gran cantidade de público, como xa é habitual neste evento pensado para os máis cativos. "A resposta foi moi boa, e iso que competiamos co bo tempo", explicaba o domingo a organizadora do festival, Andrea Bayer. Na maioría dos espectáculos, os espazos dispoñibles completaron o seu aforo con colas incluídas. Porén, desta vez o tempo de agarda fíxose máis levadeiro. "Turrón (o personaxe do festival) sae fóra e agarda cos cativos para que a espera non sexa tan aburrida. Ademais, repartimos paraugas para protexerse do Sol", conta Bayer.

Na xornada do domingo, ademais da representación de Martes no Teatro Principal, tamén se realizaron outras actividades. Deste xeito, Baluva Teatro ofreceu un espectáculo sensorial chamado A alfombra máxica, que tivo lugar na Casa Azul. Por outra banda, a asociación Amencer Aspace e Iria Ibusquiza ofreceron unha sesión de contacontos cos sentidos chamada Xogando con bicos. Tamén houbo un obradoiro de danza para toda a familia que se celebrou en varias quendas ao longo de todo o día.

O festival continuará a vindeira fin de semana con máis actividades. Así, queda por diante moito máis teatro, contos e espectáculos, ademais dunha guerra de almofadas na Praza do Teucro e obradoiros para pais e nais.