"Nunca fun de dar estopa"

O ex-presidente Emilio Pérez Touriño reivindica o traballo do bipartito na Xunta e analiza a fin do seu goberno en 'Conversas na Uvi', o ciclo de Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo
Emilio Pérez Touriño, na Casa das Campás
photo_camera Emilio Pérez Touriño, na Casa das Campás

"Non penso volver. A da política é unha etapa clausurada. Son dos que pensan que é bo poñer punto e final cando toca facelo". Para Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009, ese momento de pasar a outra cousa foron as eleccións autonómicas que lle devolveron a maioría absoluta ao Partido Popular en 2009. O político, vinculado a Pontevedra, "a miña cidade", repasou este martes, ante o xornalista Serafín Alonso, o que foi o seu paso polo Goberno galego; lamentou que nin o seu partido nin o BNG reivindiquen o traballo daqueles anos, e reflexionou abertamente sobre as cuestións que levaron á fin daquela etapa no ciclo 'Conversas na Uvi', unha iniciativa da Universidade de Vigo e Diario de Pontevedra. "Nunca fun de dar estopa", comentou, aínda que despois opinou contundentemente.

Pérez Touriño analizou, entre outras cousas, a situación actual do PSdeG e a elección de Xoaquín Fernández Leiceaga como candidato á presidencia da Xunta. "Eu deille clase de Economía Agraria nos 80. Ten unha magnífica cabeza. É un tipo moi capaz". Sobre o seu contricante no proceso de primarias, José Luis Méndez Romeu, preferiu non dicir nada. "Méndez Romeu é un tema pechado".

Si que opinou e se mostrou crítico co sistema polo que saíu elixido o candidato. "Hoxe todos estamos coas primarias. Pero a min non me emocionan. Non participei. Vótase por familias, por grupos de interese... En Ourense votaban Pachi si, Pachi non. E Pachi nin se presentaba. Pero é igual: Pachi si, Pachi non. Ata que non se esquezan estas cuestións orgánicas non funcionarán ben as primarias".

<<Máis información na edición impresa de Diario de Pontevedra deste mércores>>

Comentarios