Xunta e Afapo manteñen o seu acordo vinte anos máis

O contrato será de 456.000€ anuais polas 35 prazas do centro de día
Usuarios de Afapo nunha terapia con cans
photo_camera Usuarios de Afapo nunha terapia con cans

O Consello da Xunta aprobou iniciar o proceso de contratación que dará continuidade á xestión pública, mediante concesión administrativa, do centro de atención diúrna de Alzheimer de Pontevedra. Deste xeito, destaca a Consellería de Política Social, "garántese o mantemento das 35 prazas destinadas a paliar as necesidades de atención especializada que precisan as persoas con esta doenza".

A concesionaria deste servizo é a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer y otras demencias de la provincia de Pontevedra (Afapo), que conta cun centro de día especializado na rúa Padre Sarmiento de Gamboa.

Segundo o acordo do Consello da Xunta, o importe do orzamento é de 456.137,46 euros anuais, polo que o valor estimado do contrato, que se poderá alongar ata dúas décadas, ascende a 10.068.871,10 euros.

"Este contrato permite seguir adiante a dita xestión do centro, xa que o actual acadou a súa duración máxima e non era susceptible de prórroga", explica a Administración autonómica. Deste xeito, manteranse as 35 prazas públicas do servizo. Como novidade incorpórase a previsión de que o acordo poida chegar acadar unha duración máxima de 20 anos e tres meses, tendo en conta as sucesivas prórrogas que poden asinarse. "Deste xeito, fronte ao contrato que remata, que tiña unha duración máxima de cinco anos, asegúrase unha maior estabilidade, non só económica senón, e sobre todo, organizativa, o que repercutirá de xeito moi positivo na atención das persoas usuarias", subliña a Xunta.

DEPENDENCIA. O mantemento deste servizo de referencia en Pontevedra obedece ao obxectivo do Goberno galego de "consolidar a implantación dun sistema de atención social especializada, deseñada á medida das necesidades das persoas con alzhéimer no seu contorno familiar e social". Así mesmo, "dáse continuidade a un recurso público demandado polos usuarios, evitando que esta situación constitúa un factor de illamento ou exclusión social tanto da persoa en situación de dependencia como da súa familia".

A Administración autonómica enmarca esta actuación no desenvolvemento da lei de dependencia e ten por obxecto incrementar os recursos destinados ás persoas que padecen alzhéimer ou outras demencia neurodexenerativas.

Afapo asumiu en 2012, en réxime de concesión, a xestión deste centro, pertence á rede pública de centros de día de Alzheimer da Xunta. Foi a través dun procedemento negociado con publicidade e tramitación urxente. Actualmente ten adxudicadas 28 prazas cando a súa capacidade é de 40, segundo explica na súa web.

Comentarios