El arquitecto César Portela conmemora la historia de la sede de Afundación

O autor da rehabilitación da sede de Afundación preside a inauguración da mostra fotográfica 'Arquitectura de sensacións', sobre o emblemático edificio, aberto en 1944 e cuxa última reforma cumpre este ano o seu décimo aniversario
Un momento da visita guiada, este martes, con César Portela
photo_camera Un momento da visita guiada, este martes, con César Portela

Coa inauguración dunha mostra fotográfica e o primeiro percorrido guiado polo arquitecto César Portela iniciou este martes Afundación a segunda parte da conmemoración do décimo aniversario do seu Centro Social en Pontevedra.

Arquitectura de sensacións é o título da exposición de fotografías que se poderá contemplar durante as vindeiras semanas no vestíbulo do edificio e que inclúe tanto imaxes históricas do inmoble, que permiten ver como evolucionou o seu aspecto co paso do tempo, como a colección de fotos que o estudo de arquitectura e a construtora realizaron ao longo da súa última rehabilitación, a que se levou a cabo hai agora dez anos. Na súa maioría, estas últimas son de Sergio Portela.

Ademais de coa mostra, Afundación remata a conmemoración poñendo en marcha unha serie de visitas guiadas e o obradoiro para escolares Os perfectos arquitectos, todas actividades a celebrar no mes de setembro.

"Todas as propostas desta conmemoración teñen por obxectivo afondar nas características do inmoble, o contexto no que se construíu desde a súa concepción orixinal en 1944 ata a rehabilitación definitiva en xullo do 2006, pasando polas remodelacións previas", indica Afundación.

Precisamente, o obxectivo primeiro de Arquitectura de sensacións é "achegar ao público esa transformación arquitectónica dun xeito visual". A mostra estará aberta todos os días entre as 10.00 e as 20.00 horas.

visita guiada. Coincidindo coa súa inauguración, o martes celebrouse a primeira visita guiada polo edificio, conducida polo arquitecto pontevedrés responsable da súa rehabilitación, César Portela. O día 20 de setembro, de novo ás 20.00 horas, guiará outra, tanto pola mostra como polo inmoble de Afundación.

Finalmente, a institución ten previsto poñer en marca, ao longo de todo o curso escolar, un obradoiro dirixido a estudantes de Primaria e Secundaria no Café Moderno. Baixo o lema Os perfectos arquitectos, os alumnos "poderán familiarizarse coa linguaxe arquitectónica, o deseño dixital de planos ou a rehabilitación de edficios históricos e aprender así que a arquitectura é algo máis que construír nun espazo".