O barrio do Burgo prepárase para o seu día grande, o 25 de xullo

Un grupo de gaiteiros realizou este sábado un pasarrúas ecelebrouse unha verbena con Anduriña e Aramio
Gaiteiros das Rías Baixas, no barrio
photo_camera Gaiteiros das Rías Baixas, no barrio

Un grupo de gaiteiros desfilou a mañá deste sábado polas rúas do barrio do Burgo para amenizar a xornada aos veciños. Temas do cancioneiro popular galego resoaron a cargo dos gaiteiros das Rías Baixas. O barrio prepárase para o seu día grande, o vindeiro 25 de xullo, e faino ao ritmo das gaitas e da música de verbena.

Deste xeito, tamén na noite do sábado, as orquestras Anduriña e Aramio amenizaron a velada dos veciños no Recinto Feiral. Estas foron as primeiras celebracións das Festas de Santiaguiño do Burgo, que terán lugar na cidade ata o vindeiro mércores, 26 de xullo.

A festa continúa na xornada de hoxe con máis pasarrúas e verbena coa orquestra Podium. Este luns, o grupo de gaitas Os Alegres volverá percorrer as rúas ao ritmo de pezas típicas de Galicia. Á tardiña, ás 20.00 horas, relizarase a tradicional procesión, que percorrerá o barrio para recoller as uvas e o millo coa participación do grupo de gaitas Os de Algures. Á noite, as orquestras Ceniza e Son D'Vigo amenizarán a verbena a partir das 22.30 horas.

Pero a xornada de festa por excelencia é a do 25 de xullo, día de Santiago, cando haberá actividades ao longo de todo o día para festexar o patrón.

DÍA GRANDE. Ás 11.00 da mañá dará comezo o XX Maratón Popular Santiago Peregrino do Burgo, con saída desde a ponte do Burgo e percorrendo a avenida de Domingo Fontán e a Xunqueira do Vao. Ás 11.30 celebraranse pasarrúas polo barrio a cargo de Os de Algures e Xoldra.

Tamén haberá actos relixiosos, como unha procesión polas rúas do lugar a partir das 12.30 horas. Ademais, pola noite haberá unha gran verbena amenizada pola orquestra Superfama que rematará con fogos de artificio á beira do río á medianoite. Os encargados deste espectáculo de luces, que terá lugar entre a ponte do Burgo e a de Santiago, serán os técnicos de Pirotecnia Penide.

Malia tantos días de troula, o mércores aínda haberá enerxía para a XIX Festa de Homenaxe ás Personas Maiores, coa actuacións da asociación Duos Pontes no Teatro Principal (19.00 horas).

Comentarios