Gran emoción entre as persoas recoñecidas

O Burgo rende unha cálida homenaxe ás persoas maiores no Teatro Principal

Coincidindo coa festividade de San Xoaquín e Santa Ana, o barrio honrou os seus avós cun acto que congregou numerosos veciños
Os homenaxeados durante o acto (esquerda) e Elvira Santos, Manolo Lavía, Anxos Riveiro e Luis Alcántara (dereita) no Teatro Principal
photo_camera Os homenaxeados durante o acto (esquerda) e Elvira Santos, Manolo Lavía, Anxos Riveiro e Luis Alcántara (dereita) no Teatro Principal

Coincidindo co día de Santa Ana e San Xoaquín, avós de Xesucristo, cada 26 de xullo, a Asociación Socio-Cultural O Burgo celebra a súa homenaxe ás persoas maiores do barrio, clausurando así as festas de Santiaguiño do Burgo.

O emotivo acto foi celebrado ás 20 horas no Teatro Principal e congregou a veciños, amigos e familiares dos homenaxeados.

Este ano foron sete as persoas homenaxeadas: Peregrina Iglesias Maquieira e os matrimonios formados por Áurea Piñeiro Estévez e Santo Rodríguez Sánchez; Rosa González Figueroa e Antonio Martínez Martínez; e Jesús Morlán Vidal e Elena Fariña Sertal.

O acto estivo presidido pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e contou coa participación do presidente da asociación veciñal, Manolo Lavía, a pregoeira da festa, Elvira Santos, e o cura da parroquia do Burgo, Luis Alcántara.

Manuel Lavía arrincou o seu discurso sinalando que "a nosa festa é dun estilo diferente, é unha festa de homenaxe ás persoas grandes, sinxelas e boa fé".

"Celebramos a vida das persoas, porque unha vida ten moito que celebrar e se é unha vida longa aínda máis"


Foi seguido de Elvira Santos quen se preguntou o porqué da celebración de onte. "Celebramos qué? O éxito, a fama, a beleza? Celebramos a vida das persoas, porque unha vida ten moito que celebrar e se é unha vida longa aínda máis", manifesto Santos, que proseguiu cun emotivo discurso."É hora de valorar tantas ensinanzas que non tivemos en conta, agora valoramos o que dicía nosa nai ou noso avó, agora repetimos as mesmas frases que eles nos dicían".

A pregoeira finalizou a apertura da festa cunha frase que levantou en aplausos aos alí presentes, "na tardiña baixa, o único que importa é o amor". Este día tan especial para os maiores do barrio do Burgo estivo amenizado polos pequenos fragmentos que se leron sobre a vida de cada un dos protagonistas, os cales fixeron que caera algunha que outra bágoa no patio de butacas ante a morriña e ledicia que espertaron nos alí presentes.

O broche final ao acto correu a cargo do grupo de música e baile tradicional Dúos Pontes.