O camiño, con papel, lapis e parada en Pontevedra

Dúas artistas detéñense en Pontevedra para ilustrar monumentos da cidade mentres realizan o Camiño de Santiago
Blanca Escrigas e Isabell Seidel, onte
photo_camera Blanca Escrigas e Isabell Seidel, onte

Fernanda Lamelas, Teresa Ruivo, Isabell Seidel e Blanca Escrigas realizan estes días o Camiño de Santiago pola costa entre lapis de cores e cadernos. A finalidade é que estas catro ilustradoras rexistren algúns dos puntos máis relevantes a nivel patromonial e histórico do camiño que vai a Santiago pola costa das Rías Baixas.

O percorrido foi recoñecido oficialmente como Ruta de Peregrinación a Compostela trala aprobación da Lei de Patrimonio de Galicia o 16 de agosto de 2016. Así, as ilustradoras saíron o pasado 26 de xuño da cidade portuguesa de Porto e pasaron por lugares como Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, A Guarda, Oia, Baiona, Vigo, Redondela e, na mañá do luns chegaron a Pontevedra. As encargadas de retratar nos seus cadernos a Boa Vila foron Blanca Escrigas e Isabell Seidel.

Deste xeito, ambas as dúas artistas adicaron a mañá do luns a retratar a cidade do Lérez a través dos seus sinais de identidade. A igrexa da Peregrina, a Ponte do Burgo, a basílica de Santa María, a Praza da Leña, a Praza da Verdura, a da Ferraría e as ruínas de Santo Domingo foron retratadas por ambas as dúas ilustradoras.

Blanca Escrigas: "Se trata de hacer una serie de dibujos rápidos para crear un catálogo de viaje del camino" 

Para Blanca, arquitecta de profesión, ademais de compositora, cantante e profesora de debuxo, "se trata de hacer un dibujo rápido, al que dedicamos entre 30 minutos y una hora, de algunos de los puntos interesantes de la ciudad para crear una especie de cuaderno de viaje sobre el Camino", explicaba onte. Pola súa banda, Isabell falou desta iniciativa como dunha "experiencia única que nos lleva al origen del dibujo, el primer paso antes de realizar una obra que es el boceto". Así, a artista destaca que "es muy interesante que ese momento del proceso artístico sea el protagonista porque está lleno de frescura y espontaneidad".

Isabell contou para os seus debuxos coa colaboración dalgúns pontevedreses que pararon a falar con ela mentres retrataba a cidade. "Ellos forman también parte de las ilustraciones", comentaba onte.

Esta é unha iniciativa de El Patito Feo Editorial que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, así como do Concello de Santiago de Compostela e a Axencia de Turismo de Galicia. O proxecto, chamado Camiño/a, está enmarcado no encontro internacional Compostela Ilustrada, nacido no ano 2016. As comisarias do proxecto son Paula Cabaleiro e Gemma Sessar.

Isabell Seidel: "Es muy interesante que el primer paso del proceso artístico sea el protagonista de este proyecto" 

MULLERES. Pero o obxectivo deste percorrido ata Santiago de Compostela non é só dar un pulo ao turismo e promocionar a peregrinación á cidade do apóstolo, senón que o proxecto tamén busca dar visibilidade ás mulleres artistas que deselvolven o seu traballo tanto en Galicia como no país veciño. "A ilustración é unha disciplina da arte na que as debuxantes seguen a estar en desvantaxe malia a ser, a día de hoxe, a maioría", explican os organizadores do evento.

O resultado desta mostra exhibirase na cidade de Santiago de Compostela no vindeiro mes de novembro. Así, entre os días 9 e 12 de dito mes celebrarase unha mostra con dez ilustracións de cada artista. Estas obras formarán parte do groso da exposición, que se completará cos propios apuntes das catro ilustradoras e o meterial utilizado (acuarelas, cores, cadernos...).

Ademais, realizarase unha guía ilustrada cos debuxos, que acompañarán á descrición oficial de cada etapa e as reflexións das comisarias sobre as mesmas. A dita guía (dunhas 60 páxinas, tapa dura e a toda cor) será editada por El Patito Editorial e formará parte do seu catálogo integrado por outros títulos de viaxes publicados en varios idiomas.

Comentarios