O Camiño é da cativada

O conselleiro de Cultura participa na clausura de 'O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas', un proxecto educativo da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago
O conselleiro Román Rodríguez, a deputada Ana Laura Iglesias, a concelleira Carme Fouces e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Tino Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O conselleiro Román Rodríguez, a deputada Ana Laura Iglesias, a concelleira Carme Fouces e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Tino Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou este venres en Pontevedra na clausura de 'O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas', un proxecto impulsado pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago ao abeiro de 'O teu Xacobeo'. "Trátase dunha iniciativa educativa, de ámbito social, destinada aos nenos de Primaria cuxa finalidade é fomentar o coñecemento do patrimonio natural, cultural e humano do Camiño de Santiago entre os máis pequenos", informa a Consellería de Cultura.

O proxecto clausurado este venres, que contou cunha achega por parte da Xunta de preto de 14.000 euros, "permitiu que centos de escolares da provincia de Pontevedra tiveran un maior coñecemento e contacto co Camiño de Santiago facendo que os nenos e as nenas sexan aínda máis conscientes da importancia de conservar o legado Xacobeo". Nesta liña, Román Rodríguez subliñou que é unha iniciativa de especial importancia porque "nos axuda a levar o Camiño cara ó futuro, xa que a implicación das futuras xeracións é o único xeito de garantir que a Ruta Xacobea sega a ser unha gran riqueza para Galicia".

Román Rodríguez lembrou que a través de 'O teu Xacobeo' se investiron 1,2 millóns de euros en máis de 80 proxectos da provincia

Participaron neste proxecto o CEIP San Martiño de Salcedo, o CEIP Froébel de Pontevedra, o CEIP Afonso VII de Caldas de Reis, o CEIP Rebordáns de Tui e o CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes.

Durante o acto celebrado no Pazo da Cultura, Román Rodríguez destacou o éxito de 'O teu Xacobeo', o programa posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de fomentar a participación da cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo, e subliñou o revulsivo que supón para a provincia de Pontevedra, "onde se desenvolven máis de 80 proxectos grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros".

130 INICIATIVAS

Ademais, a nivel autonómico e desde que se puxo en marcha este proxecto, a Xunta de Galicia promoveu xa máis de 130 proxectos.

O conselleiro explicou que tanto a cidade de Pontevedra como o Camiño Portugués teñen "un papel cada vez máis relevante no panorama xacobeo" o que se traduce nun importante incremento no número de persoas que decide percorrer este itinerario. De feito, no que vai de ano o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa sumaron máis de 90.000 peregrinos, unha cifra que se duplicou no último lustro.

Comentarios