Edita Lorenzo:"A muller é un piar fundamental no rural"

O campo en feminino

Preto de 900.000 galegas viven en nucleos poboacionais rurais. O día 15 de outubro mes celébrase unha xornada para darlles visibilidade

O vindeiro 15 de outubro é o Día Mundial da Muller Rural, unha xornada moi importante para dar visibilidade a todas esas mulleres esquecidas, invisibles aos ollos de boa parte da sociedade, esas mulleres que ‘non traballan, coidan da casa’, como di moita xente. Esas mulleres como Edita, que tira do carro da explotación gandeira Juiz Cidre xunto ao seu home, José Antonio, e o seu fillo maior, sen esquecer o traballo na casa e a presidencia da Asociación de Mulleres Terra de Camba de Rodeiro.

Esas mulleres como Leo, Alicia e Itziar, que decidiron deixar a cidade para volver ao campo, coa idea de darlle unha vida máis real e pura aos seus e a si mesmas e fundaron La Semilla, unha asociación que busca servir como punto de encontro nun rural cada vez máis disperso. Ou esas como Concha que trala morte do seu home hai pouco máis de catro anos tivo que tomar as rendas da explotación que ambos tiñan en Marán, Sarria, sen máis axuda que a dos seus fillos e está a vivir os problemas polos que pasa na actualidade o sector.

ESQUECIDAS. Arredor de 900.000 mulleres viven en núcleos poboacionais considerados como rurais en toda Galicia e son as figuras invisibles da sociedade. Son as campesiñas, agricultoras e gandeiras que loitan, traballadoras con vidas difíciles e que non adoitan ter o recoñecemento laboral, social nin familiar que merecen. Cultivan, fan a colleita, moxen e fan o traballo da casa, ademais de coidar dos pequenos e dos maiores. En Galicia asóciase a imaxe do rural con mulleres maiores, coa idea de que existe un forte éxodo do campo cara ás cidades e de que as zonas non urbanas están envellecendo cada día máis. Con todo, o 84 por cento dos municipios galegos considéranse rurais e o grupo de idade máis numeroso de mulleres que viven en zonas non urbanas é o comprendido entre os 30 e os 59 anos.

Se o papel da muller non é doado en ningún ámbito, é se cadra no rural onde o esforzo pode ser maior. Son elas as que demostraron ao longo dos tempos ser valentes, intelixentes e abnegadas. Gran parte da produción dos campos galegos obtense grazas ao seu traballo e esforzo, sempre compatibilizado coas responsabilidades familiares. Mais as xeracións cambiaron. Seguen traballando de sol a sol pero agora son conscientes da importancia de sacar tempo para elas mesmas, para pertencer a unha asociación, para acudir a clases e, sobre todo, para desconectar e gozar. En definitiva, é imposible entender o rural galego sen a figura feminina. A súa dura tarefa está infravalorada en moitas ocasións e, por iso, cada 15 de outubro réndeselles homenaxe a esas mulleres que entregan a súa vida a cultivar a terra, a coidar as reses e a manter en pé as explotacións agrícolas e gandeiras.

DATOS. O Servizo Galego de Promoción da Igualdade entre o Home e a Muller elaborou un estudo sobre os perfís das mulleres que viven en núcleos rurais. Dúas de cada tres mulleres que habitan e traballan no rural teñen, como máximo, o graduado escolar, mentres que só un 10,5% chegou a estudar na universidade.

Seis de cada dez están casadas, mentres que pouco máis dun 10% vive nun fogar plurinuclear, é dicir, no seu fogar existe máis dun núcleo familiar, algo que adoita coincidir co coidado de persoas maiores. O tema que máis lles preocupa é a falta de traballo e a precariedade laboral, seguido pola existencia de actitudes discriminatorias, a falta de oferta de actividades de tempo libre e a deficiencia nos transportes.

Comentarios