O CIFP Carlos Oroza amplía a oferta cunha dobre titulación de restauración e cociña

O novo ciclo formativo contará con prácticas remuneradas en hoteis da cadea Eurostars
Alumnos nas prácticas do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra
photo_camera Alumnos nas prácticas do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra

Os alumnos que teñan a vocación entre os fogóns teñen unha nova proposta na Escola de Hostalería Carlos Oroza. A partir do vindeiro mes de setembro serán dous os ciclos formativos de grao superior na modalidade de formación profesional dual que impartirá o centro de Pontevedra.

Ó ciclo de Xestión de Aloxamentos Turísticos engádese agora un novo ciclo con dobre titulación en Dirección de Cociña e Servizos en Restauracion. "Ambos dous levaranse a cabo en convenio co grupo Hotusa, o que posibilita que os alumnos poidan realizar un período de estancia na empresa en hoteis de prestixio a nivel internacional da cadea Eurostars Hotels", subliñan desde o CIFP Carlos Oroza.

Esta dobre titulación poderase obter de xeito simultáneo mediante un itinerario modular que permite ó alumno acadar ambos os dous títulos en só tres cursos académicos na modalidade de Formación Profesional Dual, alternando en cada un dos cursos períodos de seis meses no centro educativo e seis meses de prácticas que serían remuneradas.

O obxectivo é que os alumnos acaden as actitudes e aptitudes clave tanto para xestionar unha cociña como unha sala

Así, tal e como explican desde o centro, o estudante que opte por esta rama recibirá unha bolsa de 500 euros polo traballo realizado no período de estancia na empresa, o aloxamento e a viaxe de ida e volta para cada período formativo. "A dobre titulación é posible debido aos numerosos módulos comúns existentes entre as dúas titulacións, de xeito que se validan oficialmente", indican desde o centro de formación.

POLIVALENTES. O obxectivo desta nova dobre titulación que completa a oferta do Carlos Oroza é dar resposta ás necesidades que presenta o mercado laboral convertendo ós alumnos en profesionais polivalentes. "Trátase de que os estudantes acaden as actitudes e aptitudes clave tanto para xestionar unha cociña como unha sala", explican desde a escola de hostalería.

Ademais, tal e como subliñan desde o Carlos Oroza, hoxe en día as empresas buscan cada vez máis profesionais preparados en distintas áreas e dispostos a afrontar distintas tarefas e "coa dobre titulación as oportunidades de inserción laboral multiplícanse".

O novo ciclo completarase coas distintas iniciativas que se levana cabo desde a escola durante o curso como a participación en feiras e certames de innovación.