O CHOP prevé rematar as obras en Psiquiatría este mesmo mes de novembro

O xerente visitou as zonas afectadas polo incendio declarado en setembro
José Manuel González visitou a zona
photo_camera José Manuel González visitou a zona

O xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, supervisou na mañá deste venres as obras de remodelación que se están efectuando na área de Psiquiatría do Hospital Provincial da cidade do Lérez.

González estivo acompañado por responsables da dirección do centro hospitalario e polos profesionais da unidade psiquiátrica, así como do xefe de servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Isauro Gómez Tato.

Nesta visita, os profesionais puideron comprobar os avances realizados na zona que o pasado mes de setembro se viu afectada por un incendio que provocou graves danos materiais na mesma.

OS DANOS. O lume daquel día deteriorou a práctica totalidade do mobiliario e destruíu a instalación eléctrica e de iluminación, climatización, carpintería metálica e de madeira, sistema contra incendios, teito e solos nos diferentes focos do incendio.

TRABALLOS AVANZADOS. A día de hoxe, xa está completamente renovado o sistema de climatización e a instalación eléctrica.

Por outra banda, está previsto que os operarios finalicen os traballos de carpintería e pintura ao longo da vindeira semana, e que procedan tamén á instalación dos cuartos de aseo.

A reforma íntegra da área psiquiátrica avanza coa maior celeridade posible e a bo ritmo. Posto que os traballos están a piques de rematar, estando pendentes da recepción do mobiliario correspondente, a Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés espera dalos por finalizados este mes de novembro.

Por outra banda, nos vindeiros días comezarán os traballos de reforma da fachada principal do Hospital Provincial (a que dá á rúa Loureiro Crespo) coa intención de integrala na rúa de preferencia peonil. Ao mesmo tempo entrará en funcionamento o párking do lateral de Urxencias.

Comentarios