Miércoles. 23.01.2019 |
El tiempo
Miércoles. 23.01.2019
El tiempo

O Ciclo de Butaca da BMP comeza cun 'collage' de músicas do mundo

Rafael Agulló, Anxos Riveiro e Diego Rosal
Rafael Agulló, Anxos Riveiro e Diego Rosal
A agrupación ofrecerá seis concertos e reserva un grande evento final con sorpresas para o mes de maio, que será parte da programación do 20 aniversario do Pazo da Cultura

Músicas do mundo, nenas virtuosas do violín, directores convidados e contidos infantís. Todo isto aunará o Ciclo de Butaca 2017 da Banda de Música de Pontevedra, que comeza o xoves co concerto titulado Colaxe Folklórica. Nesta cita, os asistentes percorrerán a música de raíz de diferentes países de todo o mundo, dende os ritmos caribeños á música africana ou o tango.

O presidente da BMP, Diego Rosal; o director, Rafael Agulló, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, presentaron o martes a programación deste ciclo, que estará composto por seis concertos no Teatro Principal. "Apostamos pola colaboración con outras entidades para deseñar este ciclo", explicou o director da banda, Rafael Agulló.

Tras a primeira cita deste xoves, os concertos continuarán o 16 de febreiro cun acto no que os protagonistas serán os nenos. "Quixemos contar co coro de voces brancas Luís García Limeses e, ademais, tamén está previsto que veña unha nena violinista moi talentosa que estuda no Conservatorio", explicou o director da Banda de Música de Pontevedra, Rafael Agulló, durante a presentación deste martes.

A seguinte cita coa BMP terá lugar o 9 de marzo co título ‘A relixión e a música’. Nesta ocasión, será o director convidado Paulo Martins quen levará a batuta. O 23 de marzo, os músicos da dita banda desprazaranse ao Salón do Libro para ofrecer unha actuación dirixida ás familias que alí se atopen. Este concerto, titulado Peer Gynt, contará coa colaboración de Viravolta Títeres. Aínda que os concertos teñen lugar ás 21.00 horas, no caso deste en concreto, celebrarase ás 18.30 horas.

O ciclo rematará cos concertos de abril. Por un lado, o día 6 a BMP ofrecerá A dúas bandas, cos directores José Pérez Arias e Rafael Agulló. O derradeiro evento do ciclo será o 27 de abril, cunha actuación na que o director se someterá ao exame da Academia Europea de Dirección de Banda.

Todos os concertos son de balde, ás 21.00 horas e no Teatro Principal. O que terá lugar dentro da programación do Salón do Libro é unha excepción, xa que a entrada custará tres euros e a hora tamén variará.

"Esta programación ten como obxectivo aumentar a afluencia de público con concertos atractivos para as familias", explicou o presidente da BMP, Diego Rosal. Esta programación conta cun menor número de concertos que en anos anteriores, segundo explicaron os membros da banda. Porén, a agrupación e a concelleira de Cultura adiantaron que a BMP dará un concerto especial "cheo de sorpresas" o vindeiro mes de maio para conmemorar o 20 aniversario do Pazo da Cultura.

O Ciclo de Butaca da BMP comeza cun 'collage' de músicas do mundo
Comentarios