O CEIP Xunqueira II pide "respecto" no caso da mestra acusada de maltratar os seus alumnos

Nun comunicado do que se fai eco Diario de Pontevedra, os docentes do centro reivindican o seu labor educativo e piden que se manteñan os dereitos dos alumnos e da profesora, "xulgada e condenada de antemán"
Alumnos e pais acceden ao centro A Xunqueira II
photo_camera Alumnos e pais acceden ao centro A Xunqueira II

O claustro de mestres do Ceip A Xunqueira II emitiu un comunicado para dar a súa versión da forte polémica desatada nas últimas semanas por mor dun presunto maltrato dunha das súas profesoras aos seus alumnos.

No texto, publicado na edición deste luns de Diario de Pontevedra, o grupo de docentes quere desmarcarse das informacións vertidas nalgúns medios nas que xulgan e condenan "de antemán" á presunta agresora.

Ademais o comunicado fai fincapé no importante labor desenvolvido por todos os mestres do colexio e pide respecto nas declaracións que se fan respecto do tema, non só para eles mesmos e a profesora que está no centro da polémica, senón tamén para os alumnos e os seus pais.

Comunicado íntegro do claustro de mestres do Ceip A Xunqueira II


"O claustro de mestres e mestras do CEIP A Xunqueira nº2 nunca fixo ningunha manifestación pública que leve a que os pais e nais do alumnado e da FANPA a sacar ningunha conclusión como as que saíron recentemente en varios medios de comunicación.

Este claustro xamais defendeu, defende nin defenderá o maltrato físico ou psicolóxico de ningún dos nosos alumnos/as, nin de ningún ser humano. O noso Centro sempre se caracterizou e se caracteriza pola defensa de educar na paz, a tolerancia, a empatía, o diálogo e o respecto a un mesmo e aos demais, como o demostramos cada día co alumnado na nosa práctica docente.

Somos defensores dos dereitos dos nenos e nenas e de tódalas persoas. Defendemos, como non podía ser doutro xeito, a presunción de inocencia, o dereito a defenderse e a explicarse e respectamos escrupulosamente a normativa, trámites e prazos dos procesos administrativos en curso.

Defendemos, así mesmo, o dereito de nenos/as, pais, nais, mestres e mestras a expresarse libremente en defensa da verdade. Pero tamén defendemos que todos e todas debemos de ser escoitados activamente. Os nenos/as aprenden do que transmitimos e do que experimentan pero tamén do que lles ensinamos como modelos de vida, especialmente no seo familiar, o que contribúe enormemente a forxar a súa personalidade e a comportarse responsablemente na vida.

Este claustro está profundamente preocupado, apenado e indignado con esta situación e as declaracións que se están a facer. Tamén debemos dicir que somos fortes e honestos cos nosos principios e profesionalidade.

Todos/as seguimos o mesmo fin o benestar persoal e social do noso alumnado. Son a nosa prioridade para o que necesitamos un clima de tranquilidade e sosego que nos permita continuar desenvolvendo o noso traballo con respecto e dignidade. Somos os primeiros interesados en que esta situación se aclare e solucione o antes posible, sen que se vexan prexudicados os dereitos do alumnado e da profesora, xa xulgada e condenada de antemán, como o demostran os escritos e as diferentes manifestacións feitas nos diferentes medios. Sen respecto non hai comunicación nin convivencia e polo tanto non hai educación".

Comentarios