O Concello acondiciona as praias do Lérez, Ponte Sampaio e Os Praceres

O servizo de socorrismo está contratado á Cruz Vermella e contará con dous profesionais nas fins de semana e nos días festivos
La playa fluvial del Lérez
photo_camera La playa fluvial del Lérez

O Concello de Pontevedra iniciou hai uns días traballos intensivos de mantemento nos areais do municipio. A praia fluvial do Lérez, a de Ponte Sampaio e a dos Praceres están sendo obxecto de labores de limpeza, achega de area, retirada de algas ou reposición e reparación do mobiliario urbano. Ademais, nos vindeiros días incorporaranse aos areais do Lérez e de Ponte Sampaio os socorristas, que permanecerán activos ata principios de setembro.

No primeiro deles, o servizo de socorrismo comezará o vindeiro día 24 e prolongarase ata o 10 de setembro. Haberá un socorrista todas as mañás e polas tardes reforzarase o servizo con outro profesional nos meses de xullo e agosto. O horario deste servizo será de 12.30 a 20.30 horas.

Precisamente, nesta praia o Concello iniciou a contratación dunha mellora importante, un proxecto que supera os 230.000 euros e que se executará para a vindeira tempada estival. Esta obra suporá a retirada da area e da capa xeotéxtil que a protexe dos lodos do río. Ademais, porase unha nova capa, con novas prestacións, e volverá repoñerse toda a area.

Paralelamente, está en proceso de adxudicación o quiosco da praia por cinco anos. A duración da concesión será do 1 de xuño ata o 30 de setembro, así como todos os domingos, festivos e sábados dos seguintes períodos: desde o 1 ata o 10 de xaneiro, desde o 1 de abril ata o 31 de maio e desde o 15 de decembro ata o 31 de decembro.

No areal de Ponte Sampaio tamén se realizarán traballos de limpeza e mantemento tanto na praia como na zona de lecer da Xunqueira, ademais dunha achega de area. O servizo de socorrismo está contratado á Cruz Vermella e contará con dous profesionais nas fins de semana e nos días festivos. Na praia dos Praceres xa comezou esta semana o habitual zafarrancho de limpeza.

Comentarios