O Concello de Pontevedra activa o Arela para axudar a 75 parados a ter unha oportunidade laboral

O novidoso programa, promovido pola Concellaría de Promoción Económica, divídese en tres edicións de tres meses de duración cada unha ► A primeira comezará o 31 de marzo e rematará o 30 de xuño

Optimismo, capacidade para traballar en equipo e intelixencia emocional son as características que buscan as empresas nos profesionais para incorporalos aos seus planteis. O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción Económica, deseñou un novidoso plan, denominado Arela, co que quere axudar ás persoas que se atopan en situación de desemprego a facer aflorar o seu talento individual e grupal para que poidan atopar unha oportunidade no eido laboral.

Co plan de emprego Arela, o departamento que dirixe a concelleira Anabel Gulías pretende acompañar ás persoas na xeración de oportunidades laborais e profesionais e na mellora da súa empregabilidade pero de xeito diferente, poñéndose na pel daquelas que buscan emprego de forma activa, o que supón un cambio de vellas formas de traballo.

Un equipo multidisciplinar formado por Raquel Pedrouso, Cristina Fariñas e África Rodríguez encargarase de poñer en práctica o plan Arela, dirixido a persoas que deben cumprír dous requisitos: estar en situación de busca activa de emprego (tanto por conta allea como por conta propia) e estar empadroadas no concello de Pontevedra. Ademais, para sacar o máximo rendemento a esta iniciativa os participantes deben amosar motivación, compromiso persoal e actitude colaborativa.

Arela pon todos os recursos materiais e persoais a disposición dos participantes, que serán os protagonistas dos seus procesos facendo fincapé, polo tanto, na súa responsabilidade e implicación, tanto persoal coma grupal.

"Arela impulsa a apertura dun mundo de posibilidades. Arela é creatividade, inspiración, calor humana, responsabilidade e compromiso. Arela é o futuro, hoxe", explican os promotores do plan de emprego, que está financiado na súa totalidade pola Administración local.

O programa celebrarase de xeito colaborativo grazas á implicación de diferentes profesionais de distintas disciplinas e con ampla experiencia no ámbito da empregabilidade e do acompañamento ás persoas (xestión do talento, coaching, cultura colaborativa, psicoloxía e orientación laboral e profesional).

Arela desenvolverase ao longo de tres edicións, de tres meses de duración cada unha delas. Participarán 75 persoas, 25 en cada edición, que desenvolverán traballo en grupo e gozarán de sesións individuais para traballar nos seus propios itinerarios de xeración de oportunidades co obxectivo de aumentar as súas posibilidades de inserción. Cada edición constará de doce sesións presenciais en grupo, de cinco horas de duración cada unha, e de seis sesións de acompañamento individual por participante (hora e media por sesión).

TRABALLO EN EQUIPO. O programa Arela incidirá na importancia do traballo en equipo, da creación de rede profesional e do valor de compartir coñecemento para xerar oportunidades laborais.

As persoas que estean interesadas en participar na formación que promove o plan Arela terán que achegar diferentes documentos: o formulario colgado na web do ILES, DNI/NIE, tarxeta de demandante de emprego, autorización ou solicitude de certificado de empadronamento, certificado ou escrito de estar ao corrente de débedas co Concello de Pontevedra, vida laboral actualizada e currículum vitae actualizado cunha fotografía recente.

Arela baséase na colaboración e en compartir coñecementos, na atención individualizada das persoas participantes e na xestión dos talentos individuais e a intelixencia colectiva en beneficio do grupo como piares fundamentais. Ademais, o novidoso programa que pon en marcha a Concellaría de Promoción Económica ten unha visión circular da economía, é dicir, que considera imprescindible a colaboración e o traballo común entre administración, entidades educativas, empresas e profesionais, tanto en activo coma en situación puntual de desemprego, dando así unha resposta común ás necesidades do mercado actual.

Entre os obxectivos que se marca o programa Arela atópase o de crear unha alianza estratéxica cun novo plan, denominado Verea (tamén impulsado pola Concellaría de Promoción Económica), que ten como finalidade axudar ás empresas, entidades ou persoas emprendedoras de Pontevedra no desenvolvemento dos seus proxectos para, deste xeito, aumentar o potencial do entramado empresarial do municipio. Os dous plans están dentro da Iniciativa Local de Emprego Social (ILES).