El Concello amplía a cinco sus obradoiros infantiles y confirma más de 400 plazas disponibles

Ceo Aberto incorpórase ao Mini Pazo Club cun taller de tecnoloxía
A concelleira Anxos Riveiro (esquerda), co equipo de coordinadores do Mini Pazo Club
photo_camera A concelleira Anxos Riveiro (esquerda), co equipo de coordinadores do Mini Pazo Club

Un obradoiro de Stem Kids. É a gran novidade do Mini Pazo Club para este ano. Stem é o acrónimo de Science, Technology, Engineering and Mathematics. Iso é o que aprenderán os cativos que se inscriban no taller de Ceo Aberto. "Introduciremos distintas áreas de coñecemento, da enxeñería ás matemáticas, da ciencia á tecnoloxía, dun xeito creativo", explicou sobre os contidos da nova proposta unha das súas responsables, Mónica Moure. "Dende o noso punto de vista o sistema educativo convencional é pouco eficiente. Hai que traballar doutro xeito". Eles farano apoiándose na creatividade dos rapaces con xogos de pistas ou propostas colaborativas, por exemplo.

O de Ceo Aberto convértese desta maneira no quinto obradoiro infantil que oferta o Concello de Pontevedra. Todos eles están agrupados no que o ano pasado se bautizou como o Mini Pazo Club. Este de tecnoloxía é a última incorporación a unha programación, que se desenvolve ao longo do curso e que comezou hai 18 anos con Á procura do tesouro, de Migallas Teatro, e A hora do conto, de Pavís Pavós. Hai dous anos sumábanse RockLab, de Gonzalo Maceira, Álex Gayoso e Violeta Mosquera, e Experimenta, de Itziar Ezquieta. Segundo dixo este mércores a concelleira de Cultura na presentación das actividades, o Concello oferta máis de 400 prazas para cativos dentro do Mini Pazo Club, "un espazo para a felicidade".

MUSHU. Ademais do inicio dun novo obradoiro, o Mini Pazo Club contará con novidades no RockLab. "Vista a experiencia do ano pasado, imos apostar por grupos de nenos máis pequenos e só un para alumnado avanzado maior de 10 anos". Dentro deste proxecto, no que haberá "moito rock e moita diversión", o curso pasado naceu o grupo de nenas Mushu.

Carlos Yus, no nome de Migallas, lembrou que o seu obradoiro naceu para complementar as actividades do colexio e para fomentar valores como o da colaboración fronte á competitividade. Tamén falou da importancia que se lle dá na proposta á rachar cos límites que habitualmente se lle poñen á creatividade dos cativos na educación regulada. Algo no que tamén se profundiza no obradoiro de arte, segundo dixo Itziar Ezquieta, "coa particularidade de que ademais aquí os nenos traballan nunha sala de exposicións e cunha artista". Tareixa Alonso, de Pavís Pavós, avanzou que converterán a sala do obradoiro nun faiado moi particular. "É tempo de xogar coa imaxinación".

Comentarios