O Concello inicia a creación dunha faixa de protección antilumes en Monte Porreiro

A concellería de Medio Natura, que dirixe o socialista Iván Puentes, explica que os traballos arrincaron nunha pista entre o centro de saúde e a estación de bombeo
Plano das actuacións en Monte Porreiro. CONCELLO
photo_camera Plano das actuacións en Monte Porreiro. CONCELLO

A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acometeu durante as últimas semanas diversos traballos de desbroce nos espazos verdes do campo de fútbol de Monte Porreiro e as pistas de xogo adxacentes a esta instalación deportiva.

Esta actuación enmárcase "dentro dun plan moito máis amplo e ambicioso" deseñado polo edil do PSOE para "afondar na creación dunha faixa de protección contra incendios que circunde toda esta área do barrio pontevedrés".

Segundo explica, a xeración desta faixa, "xa iniciada nos laterais dunha pista que comunica coa rúa Reino Unido, entre o centro de saúde de Monte Porreiro e a estación de bombeo", desenvolverase ao longo dos vindeiros meses. "As brigadas municipais de Parques e Xardíns están a levar a cabo unha excelente labor nesta urbanización -subliña Puentes-, con intervencións periódicas planificadas a curto e medio prazo. A miña intención é ir un paso máis aló e dotar ao barrio dun mecanismo efectivo de prevención e protección contra os lumes forestais".

Tal e como indica o socialista, a concellería de Desenvolvemento Sostible realizou no que vai de verán en todo Monte Porreiro a supervisión de diversas parcelas e espazos libres non axardinados de titularidade municipal, de cara á súa posta a punto. Como resultado, efectuáronse limpezas en profundidade en varios terreos emprazados nas inmediacións das rúas Grecia e Reino Unido.

Asemade, estanse a desenvolver traballos que respostan ao cumprimento das obrigas legais da Administración local de levar a cabo limpezas por execución subsidiaria no caso de expedientes de Disciplina Urbanística e Medioambiental. Iván Puentes sinala que "as causas que motivan esta execución subsidiaria pódense deber ao incumprimento das obrigas de axeitada conservación por parte dos propietarios dos predios ou a cuestións como o descoñecemento e imposibilidade de coñecer a identidade dos mesmos".

Neste eido, axilizáronse ao máximo uns procedementos administrativos de por si farragosos e executáronse actuacións como talas de árbores perigosas e limpezas de catro fincas no ámbito da rúa Portugal ou o desbroce de arredor dunha decena de parcelas na contorna das rúas Dinamarca e Holanda, que rodean o parque do Miradoiro. Iván Puentes afirma que estas últimas xa foron rematadas na súa meirande parte e "prevese que estean limpas na súa totalidade ao longo deste mes".

O servizo de Parques e Xardíns tamén ten previsto efectuar, con carácter prioritario, unha actuación integral de limpeza e mellora do talude e das zonas verdes existentes na entrada ao barrio de Monte Porreiro, dende as vías do tren (á altura da praia fluvial) ata a rotonda da rúa Grecia."Por outra banda, dentro deste plan de posta a punto da urbanización pontevedresa -engade Puentes- contémplase a limpeza das instalacións da antiga Escola Taller".

Comentarios