O Concello de Pontevedra utiliza denuncias reais de mulleres para concienciar sobre a violencia machista

Este ano a cidade mobilízase con máis dor ao contar cunha asasinada, Conchi Reguera
Participantes no acto de presentación das actividades que se realizarán con motivo do 25N
photo_camera Participantes no acto de presentación das actividades que se realizarán con motivo do 25N

"Puta, perra. Si me quitas al niño te corto el cuello". "Su marido se dirigía a la cocina y salía con un cuchillo en las manos". "Confiesa que tiene pánico a su marido". "Si no vienes voy a quemarte tu coche. Me da igual que llames a la Policía". "-¿Por qué me haces tanto daño? -Porque te quiero". "Se encontró de frente a un varón que le dijo ‘voy a follarte’, procediendo éste a tocar las partes íntimas inferiores de la dicente. Te voy a violar. Te voy a dar unas hostias". 

Estas son algunhas das frases que aparecen nas denuncias que tres mulleres de Pontevedra presentaron ante a Policía Nacional. Elas foron vítimas do maltrato, da violencia machista, e por iso cederon os textos co obxectivo de concienciar a mulleres e homes e poñer fin a unha lacra que ten invadida a sociedade. Nos vindeiros días poderanse ler as denuncias nos espazos publicitarios das rúas da cidade, saber o que sufriron estas vítimas, e o obxectivo é que algunhas mulleres se vexan reflectidas nestes relatos e "sexan capaces de dar o paso e saír do inferno que están a vivir", explicou a concelleira de Muller, Carmen Fouces. 

Este ano, o 25 de novembro, Día Internacional da non violencia contra as mulleres, será unha xornada máis triste do habitual, pois "Pontevedra non tivera ningunha vítima e este ano inauguramos o censo. Pensamos en rendir unha homenaxe a Conchi Reguera, aos seus familiares, aos seus veciños, ao seu contorno. As vítimas non son só as mulleres que falecen; morreu un pouco de todos os que rodeaban a Conchi". E por iso polo que en 2016 o Concello de Pontevedra porá en marcha un plan específico para Ponte Sampaio, "porque sabemos o impactados que están os veciños e que precisan profesionais en materia de violencia para tentar acadar un consolo, un alivio para algo irremediable". 

Fouces recordou que o máis importante é traballar no ámbito da prevención: "O que máis interesa é traballar na educación. Por iso implicamos ao Consello da Muller Nova para que nos dixesen que ideas querían divulgar". Así, apostaron polas mensaxes de móbil que tan habituais son entre os rapaces novos. "Eres miña. Tes o ticket?"; Eres miña. Non son de ninguén". Son algunhas das frases que decidiron empregar os rapaces que participaron e que onte estiveron representados por Natalia, Noelia e Dani. Estas expresións ilustrarán uns cubos que se colocarán na Praza da Ferraría o 25 de novembre de 18.30 a 20.00 horas. "Aínda que parece que amosan un contexto romántico, é todo o contrario a querer a unha persoa", explicaron. Esta acción súmase ás charlas que estes rapaces ofrecerán a alumnos da ESO e coas que pretenden "loitar pola igualdade, a aceptación das persoas tal e como son e a eliminación dos roles", comentou Dani. 

Natalia explicou que os membros do Consello da Muller Nova pretenden conseguir a igualdade. "Queremos achegar os nosos coñecementos sobre a sociedade, porque nós somos o futuro do país e hai unha necesidade grande de acabar coa violencia machista. Nós temos moito que achegar, porque hai que educar en igualdade e ser conscientes de que moita da exclusión de nenos e nenas comeza de pequenos, coas páxinas de xoguetes en azul e rosa". 

O día 29 de novembro ás 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá unha obra de teatro que, baixo o título ‘A Herdanza’, exporá os cambios de roles nunhas situacións "levadas á esaxeración. Nun momento terrible de violencia de xénero, tamén hai unha necesidade importante de rir", explicaba Andrea Bayer, directora da Aula da Igualdade. 

O vicerreitor da Universide de Vigo, José Manuel Corbacho, tamén fixo fincapé na idea de educar lonxe de prexuizos e tópicos e indicou que, segundo un informe, "unha de cada tres mulleres no mundo sufriu algunha vez na súa vida violencia física ou sexual", polo que considera imprescindible "ir da man para loitar contra esta lacra, esta pandemia". 

Pola súa banda, a secretaría de Muller da CIG convoca para o mércores, ás 11.30 horas, unha concentración na Praza 8 de marzo.

Comentarios