O Concello repara as escaleiras que permiten acceder a Rosalía de Castro dende o río Gafos

As obras supuxeron un investimento duns 5.200 € e incluíron o arranxo dunha pasarela de madeira nas inmediacións da Ponte Nova
Labores de reparación nas escaleiras do río Gafos. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Labores de reparación nas escaleiras do río Gafos. CONCELLO DE PONTEVEDRA

As escaleiras de pedra que conectan co treito da senda dos Gafos que discorre polas inmediacións da rúa da Ponte Nova foron restauradas nunhas obras impulsadas pola Concellaría de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. A reparación, executada pola empresa Eicos Gestión SL, supuxo un investimento de 4.404,65 euros.

A reforma permitiu arranxar unha estructura que se atopaba moi deteriorada, con varios chanzos crebados ou desprendidos, e que moitos veciños empregan para acceder a Rosalía de Castro dende a zona do Monte do Taco.

Segundo explica o responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, “ao tempo que se pecharon estas escaleiras, para reforzar a súa estrutura e construír algún chanzo novo, tamén se aproveitou para restaurar unha pasarela de madeira situada augas abaixo, entre as rúas da Tablada e a Ponte Nova”. “Trátase dun treito duns cinco metros no que había diversos listóns estragados e rotos, polo que se encargou a súa substitución cun orzamento duns 800 euros. As dúas actuacións suman un importe global de máis de 5.200 euros e permitiron garantir unha zona de acceso en condicións de seguridade dende a senda fluvial a Rosalía de Castro”, sinala o edil.

Estes traballos veñen sumarse aos que a Concellería de Medio Natural levou a cabo nesta mesma zona da desembocadura de Os Gafos para optimizar a súa iluminación (unha obra moi demandada polos veciños). Tal e como avanza Iván Puentes, estas actuacións “buscan manter todo esta área da senda fluvial de Os Gafos en perfecto estado mentres non se leve a cabo o proxecto que faga posible destapar e rexenerar o río ao seu paso polo barrio de Campolongo”

Comentarios