O congreso Fugas e Interferencias recolle e testemuño de Chámalle X

Carlos Tejo forma parte do comité científico deste simposio sobre arte de acción que se desenvolverá en Pontevedra e Santiago
Ana Gesto, realizando unha performance en 2013 en Pontevedra dentro de Chámalle X
photo_camera Ana Gesto, realizando unha performance en 2013 en Pontevedra dentro de Chámalle X

Vestido coa equipación da selección española de fútbol, o creador David Crespo saltou á Praza da Peregrina para comezar a inchar globos brancos e pintalos con pentágonos de cor negra como se fosen balóns de fútbol. Foi o día 15 de setembro de 2013 e esa foi a última performance do festival de arte de acción Chámalle X. Poñíanse fin desta maneira a dez anos de actividades arredor da arte de acción en Pontevedra da man do mestre da Universidade de Vigo Carlos Tejo. Agora, Tejo é unha das persoas que está detrás do I Congreso de Arte de Acción Fugas e Interferencias, que se celebrará en Pontevedra e Santiago entre os días 1 e 3 de decembro. O mestre forma parte do comité científico do evento xunto a Alba Blanco, Marta Pol e Álvaro Terrones. "Este é o primeiro congreso de arte de acción que se celebra a nivel académico en España", explica. "Nesta primeira edición establécense catro eixes temáticos: a interacción da arte de acción con outros procesos da arte contemporánea; a importancia da reflexión teórica sobre novos camiños para a arte de acción, para intentar transcender un pouco certo estancamento que estamos notando en España; a arte de acción e as súas interseccións, e a arte de acción relacionada co discurso de xénero".

O evento inaugurarase o 1 de decembro na Casa das Campás e despois trasladarase a Santiago, onde se realizarán actividades no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación Granell e o centro de arte Aire. "Iso este ano, porque temos en mente que se converta nun congreso anual e que a segunda edición sexa de carácter internacional. Hai xente no comité científico de Barcelona, de Valencia... Así que unha idea é ir mudando de sede para involucrar a todas as cidades que están implicadas xa dende esta primeira edición". Pontevedra, en todo caso, volve estar presente nunha actividade relacionada coa arte de acción. "Por suposto. Directamente imos inaugurar o congreso aquí. O que imos facer é unha ponencia e unha acción. Esa é a idea: mesturar a práctica coa teoría". De feito, o congreso inclúe, máis alá de exposicións teóricas, un ciclo de performances e un taller que impartirá a creadora Ana Gesto.

Tejo confirma a desaparición do festival Chámalle X tal e como se viña desenvolvendo. "Mudou de formato. Isto quizais sexa unha derivación de todo aquilo. Máis que unha evolución, eu consideraríao un resultado. Hai outra xente implicada e iso é moi interesante. Sen implicar a outros axentes, podería rematar por ser endogámico e aburrido", explica. "A herdanza de Chámalle X anda por aquí e aliméntase destas novas incorporacións que achegan ideas e frescura. De calquera maneira, aquel proxecto está rematado".

Tejo fai un balance positivo de toda aquela experiencia. "Positivísimo", di. "E dígoo como investigador, como artista e como teórico. Conseguimos que a performance ocupara o primeiro plano do panorama cultural, polo menos durante uns días. Creouse un certo público, un certo interese... Tamén é verdade que coincidiu coa implantación da materia que imparto na facultade de Belas Artes. E isto é importante porque practicamente non existe a docencia de arte de acción na universidade española. Estamos nós, está Valencia e algunha aproximación en Barcelona e en Granada. Como materia pura e dura non aparece. Todo se xuntou para crear un caldo de cultivo importante para a performance en Galicia". Para o mestre é difícil avaliar o momento que vive a arte de acción no noso territorio. "Necesitamos máis horizonte. Precisamente un dos obxectivos do congreso é este: estudar e avaliar cara onde imos".

Comentarios