O Culturgal consegue reservar a metade dos seus stands en 15 días

A Feira das Industrias Culturais de Galicia incorporará este ano un espectáculo de pago o venres
Jacobo Moreira, Xosé Aldea, Manuel Bragado, Xosé Leal, Anxos Riveiro e Uxía Caride (de esquerda a dereita), este mércores, na presentación
photo_camera Jacobo Moreira, Xosé Aldea, Manuel Bragado, Xosé Leal, Anxos Riveiro e Uxía Caride (de esquerda a dereita), este mércores, na presentación

A metade do espazo expositivo do Culturgal 2016 está reservado. Segundo confirmou a organización da Feira das Industrias Culturais de Galicia, en só 15 días, o tempo que leva aberto o prazo, ocupáronse o 50% dos stands. O dato confirma as expectativas que as empresas do sector cultural teñen nun evento que o ano pasado pechou un mes antes do previsto o periodo de reservas ao ocupar todo o espazo dispoñible. Daquela colocáronse algo máis dun cento de postos no Recinto Feiral, segundo os organizadores.

"Imos camiño de revalidar a confianza que demostraron as empresas o ano pasado", explicou o director da feira, Xosé Aldea, este mércores, nunha primeira presentación do evento. "Ademais, cada vez son máis as empresas que reforzan a nosa programación central con actividades propias".

Manuel Bragado, presidente de Culturgal: "Esta feira ten as súas raíces chantadas na cidade de Pontevedra e é importante lembralo"

Precisamente coa idea de reforzar as propostas artísticas, Aldea anunciou que este ano Culturgal, que se celebrará entre o 2 e o 4 de decembro en Pontevedra ("porque nesta cidade ten as súas raíces chantadas e é importante lembralo", en palabras do presidente da asociación que organiza o evento, Manuel Bragado), incorporará un espectáculo de pago o venres. "O sábado e o domingo son datas nas que o fluxo de público está consolidado, por iso decidimos apostar por reforzar o venres".

Xosé Aldea tamén avanzou que a feira volverá contar cunha exposición artística, como o ano pasado, e que repetirán como comisarios Antón Sobral e Paula Cabaleiro. Desta volta estará adicada a arte e natureza.

Segundo se sinalou na presentación, realizada para anunciar que estaba aberto tanto o prazo de reserva de stands como o de recepción de propostas artísticas, Culturgal volverá superar o cento de actividades. "Por outro lado, entre as novidades, destaca o feito de ter agrupado as xornadas profesionais o venres. Era unha demanda que viñamos tendo para axudar á conciliación tamén no eido das empresas culturais".

Xosé Aldea, director da feira: "Agrupamos as xornadas profesionais o venres, unha demanda que viñamos tendo para axudar á conciliación tamén no eido cultural"

Culturgal, que volverá apostar "pola corresponsabilidade" mantendo os prezos das entradas (2 euros, adultos; 1 euro, nenos; 3 euros, abono), homenaxeará este ano "o espírito das Irmandades da Fala" no seu centenario, co lema ‘Cultura, comunidade e futuro’.

Bragado explicou que, despois de nove anos, "a feira segue a ter esa obriga de seguir innovando e sorprendendo".

Segundo se dixo este mércores, nun acto no que tamén participaron a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o deputado provincial do mesmo eido, Xosé Leal, e asistiron representantes dalgunhas das asociacións implicadas, como Uxía Caride, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), e políticos, como o voceiro local do Partido Popular, Jacobo Moreira, a feira prepara o seu décimo aniversario de cara ao ano que vén.

Comentarios