Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

O enxeñeiro técnico naval que se fixo autor de cómic

Alfonso Barreiro posando coas probas do seu cómic
Alfonso Barreiro posando coas probas do seu cómic
Alfonso Barreiro convértese no primeiro alumno do Garaxe Hermético en publicar un álbum. O seu primeiro título é 'Curuxa’'

Era enxeñeiro técnico naval. Diso traballou cinco anos en Ferrol. Pero a el o que lle gustaba eran os cómics. Así que cando chegou a crise e comezou a ir dun lado a outro, "sempre bailando", Alfonso Barreiro (Noia, 1980) decidiu aproveitar unha temporada no paro para facer outra cousa. Era o ano 2013 e o debuxante Kiko da Silva abría en Pontevedra a primeira escola de banda deseñada en Galicia, O Garaxe Hermético. "Eu sempre debuxara. Sempre lera cómics e sempre debuxara. Quería ver que pasaba se me atrevía a vir a Pontevedra". O que pasou foi que formou parte da primeira promoción da escola, acabou conseguindo o primeiro premio que entregou o centro a un traballo de fin de estudos e está a piques de converterse no primeiro alumno que publica unha obra propia. Será este mes e titúlase ‘Curuxa’. "Pero é que ademais rematei sendo ‘profe’ na escola. Agora que o penso, é incrible todo isto".

O primeiro traballo do autor, "ambientado nun mundo de bruxas e lobishomes", chegará este mes ás librerías

Alfonso Barreiro era un deses rapaces que debuxaba sen parar. "Mesmo cando xa traballaba e chegaba á casa despois de facer unha chea de horas, poñíame a facer debuxos". Non estraña que rematara probando sorte no Garaxe Hermético. "A experiencia foi moitísimo mellor do que me imaxinaba", di. "A primeira vez que entrei na escola foi con medo. Non sabía o que ía atopar, se era algo serio ou un ‘sacacuartos’, que xente che ía ensinar... Pero finalmente foi algo marabilloso: o sitio é súper profesional; os mestres, de primeirísimo nivel, e a atención aos alumnos incrible, porque a implicación de Kiko con nós é algo alucinante, sempre arroupándote, é unha ‘pasada’. Esta escola é unha riqueza". Barreiro conta que "ano tras ano, vaste decatando de que a cousa vai en serio: empezas a participar en exposicións, publicar libros, colaborar con vós no Diario de Pontevedra...".

AUTÓNOMO. Tan en serio ía a cousa que, cando aínda non rematara os estudos no Garaxe Hermético, Alfonso Barreiro xa se dera de alta como autónomo. "A través de Kiko da Silva conseguín un traballo para facer a guía ‘A viva voz’ con Isabel Pichel. Aí empezou todo". Cos estudos rematados, chegou tamén a oferta para incorporarse ao claustro da súa escola. "Ao principio, a verdade, era un pouco raro isto de pasar inmediatamente de alumno a profesor, pero a verdade é que o estou gozando un montón porque me encantan os nenos e enténdome ben con eles. Son todo alegría. Danche a vida. Estou súper a gusto", di Barreiro. Dálle algún consello aos rapaces? "Intento trasladarlles todo o que aprendín eu na escola. Por exemplo, no canto de debuxar todo a un tempo, ir distribuíndo o que queres debuxar en formas xeométricas e despois completándoo. Así é todo máis doado. En canto lles dás unhas cantas claves, a verdade é que os rapaces progresan rapidísimo".

 "Sei que esta profesión é moi dura, pero eu estou con ela a morte", explica o autor. "O cómic era unha porta pechada ata agora"

‘Curuxa’ é o título co que Alfonso Barreiro debuta como autor de banda deseñada. "A miña primeira idea foi facer un cómic de detectives, pero, de novo, Kiko salvoume cando me dixo directamente que aquel guión era un desastre. Optei entón por unha historia máis fantástica, coa maxia de por medio, que é un tema que me encanta", explica o autor. "De aí saíu ‘Curuxa’, ambientado nun mundo de bruxas e lobishomes". Para o álbum, Barreiro traballou dous anos e inspirouse en lendas e tradicións galegas. O traballo publicarase avalado por unha mención especial no Premio Castelao e polo premio da escola.

Hoxe, o enxeñeiro técnico naval é historia. Alfonso Barreiro non contempla outra cousa que ser debuxante de cómic. "De feito, no último ano chamáronme para traballar varias veces e tiven que tomar unha decisión. Dixen que non. Sei que a profesión é moi dura, pero agora estou con isto a morte. Nunca pensei que podería ter esta saída profesional, era unha porta pechada, pero, mira, xa din que cando unha porta se pecha, ábrese outra. No meu caso foi a porta do Garaxe Hermético".

O enxeñeiro técnico naval que se fixo autor de cómic
Comentarios