O festival Núbebes amplía o seu programa

O IV festival das Núbebes incorpora actividades con Amencer e Xuntos á súa programación ►O Pazo das Mendoza súmase aos espazos que acollen propostas para bebés
Roque, un dos personaxes de Baobab, aproveitou a rolda de prensa para entregarlle unha 'núbebe' a Carme Fouces en presenza de Andrea Bayer
photo_camera Roque, un dos personaxes de Baobab, aproveitou a rolda de prensa para entregarlle unha 'núbebe' a Carme Fouces en presenza de Andrea Bayer

Xogando con bicos é o título dunha das sesións de contos que este ano se celebrará dentro da programación do IV Festival de Artes Escénicas para Bebés e Familias, Núbebes, que coordina a compañía Baobab para o Concello de Pontevedra. A actividade é unha das que se incorporan este ano ao festival coa intención de favorecer a integración. Neste caso corre da conta de Amencer-Aspace e Iria Ibusquiza.

"Queriamos comezar a traballar con asociacións que pensamos que funcionan moi ben en Pontevedra e Amencer é unha delas", explicou Andrea Bayer, de Baobab, este martes, na presentación do festival. "Aquí van realizar esta sesión de contos, na que se poderá ver como llos contan aos seus cativos a través da pel e dos agarimos".

A asociación que traballa con persoas con parálise cerebral en Pontevedra é unha das novas colaboradoras de Núbebes. Tamén se involucrarán outras como Down Pontevedra Xuntos ou Anedia (diabete) e Asseii (enfermidade inflamatoria intestinal). "A nosa intención é apostar por unha integración total".

ROQUE E AMIGOS. O festival das Núbebes, que se celebrará nas fins de semana entre o 16 e o 25 de setembro, en distintos espazos de Pontevedra, inclúe máis dunha vintena de actividades para nenos de entre 0 e 6 anos, ademais dunha serie de obradoiros para profesionais. Entre as novidades que afectan á programación aberta ao público anunciouse a incorporación do Pazo das Mendoza entre os espazos que acollen propostas e que habería sorpresas da man dos anfitrións, Baobab. "Roque, por exemplo, vai traer a un novo amigo, Rufo. E quizais algo máis", sinalou Andrea Bayer.

Os organizadores avanzaron tamén que, por primeira vez, se van realizar accións de rúa, "especialmente nos momentos nos que se forman as colas para adquirir as entradas, para axudar a facer eses momentos máis levadeiros". Ademais, a programación inclúe unhas conferencias do pediatra Carlos González, defensor da lactancia e da crianza con apego. "Todas estas novidades únense ás propostas xa institucionalizadas, como a guerra de almofadas na Praza do Teucro".

Golfiños, Charo Pita, Caramuxo, Babaluva Teatro, Trompicallo e A Gramola Gominola son algúns dos grupos e compañías que participarán este ano en Núbebes, que inclúe teatro, música e obradoiros e que estende as súas propostas por espazos como o Teatro Principal, a Casa das Campás, a Casa Azul e o Pazo da Cultura. As normas de participación e recollida de entradas do festival poden consultarse nos perfís de Núbebes en Twitter e Facebook.

Comentarios