O futuro do antigo edificio da Xunta situado na rúa Benito Corbal definirase a vindeira semana

O alcalde de Pontevedra anunciou que se saberá en que medida o Concello poderá utilizar este inmoble
O inmoble sitúase en pleno centro de Pontevedra
photo_camera O inmoble sitúase en pleno centro de Pontevedra

Despois de anos pechado, convertido nun inmoble pantasma en pleno corazón de Pontevedra, o antigo edificio administrativo que a Xunta de Galicia ten na rúa Benito Corbal vai dispor un futuro mellor.

Así o indicou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que asegurou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, lle confirmou que a vindeira semana se ofrecerá á Administración local unha resposta sobre o futuro do edificio. Desde xeito, o Concello de Pontevedra saberá que uso pode facer desde inmoble: total, parcial ou se debe descartalo totalmente dos seus plans.

"Xa pasou o prazo, sobradamente, do compromiso do presidente da Xunta para dicirnos se poñía ou non a disposión o edificio da Xunta en Benito Corbal", asegurou o venres o alcalde de Pontevedra, que recalcou que logo de falar persoalmente co presidente da comunidade galega "dixo que trataron o tema no Consello da Xunta e que van meter o inmoble no marco de utilización de edificios que teñen en outras cidades", o que permitirá determinar o uso definitivo que se lle pode dar a estas edificacións que levan anos en desuso.

Neste sentido, Lores apuntou que a vindeira semana o executivo autonómico "definiranos en que medida" o Concello de Pontevedra poderá empregar o edificio e será a partir dese momento cando o Goberno local estude as posibles utilizacións deste inmoble, para o que se barallaron diversos usos dende o seu peche como edificio administrativo da Xunta.

A intención do Concello é ceder o inmoble á Universidade de Vigo para crear un centro de investigación ligado ao campus e facer nel un viveiro de empresas.

Rueda anunciou esta semana, nunha entrevista en Radio Pontevedra, que a proposta que se vai presentar ó Concello contempla que o futuro edificio albergará servizos públicos da Xunta, locais para que as entidades veciñais e sen ánimo de lucro poidan desenrolar as súas actividades "e despóis falaremos coa Universidade e co Concello por se lles interesa acondicionar o resto das prantas. Penso que deste xeito sairemos todos gañando".