Pan de pita e torta de queixo para unha nova fin de semana do Ganapán

A rapazada de entre 4 e 10 anos tamén aprenderá no programa de lecer a elaborar gatiños de madeira e pequenas bailarinas

Participantes nunha edición anterior do Ganapán. DP
photo_camera Participantes nunha edición anterior do Ganapán. DP

A rapazada de entre 4 e 10 anos está citada a unhas novas xornadas de diversión no Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra esta fin de semana no marco do programa O Ganapán. Os nenos e as nenas que se inscriban nos obradoiros seguirán ampliando os seus coñecementos culinarios ao aprender a elaborar unha torta de queixo e pan de pita.

Ademais, a iniciativa de lecer infantil impulsada pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, ensinaralles aos participantes a confeccionar uns gatiños de madeira e unhas bailarinas que danzarán ao ritmo da música.

Para participar cómpre inscribirse previamente a través dun correo electrónico

As actividades desenvolveranse entre as 11.30 e 13.30 horas, o sábado 11 e o domingo 12. Para participar cómpre inscribirse previamente a través do mail [email protected], e indicar no correo electrónico as posibles alerxias ou intolerancias.

A concelleira Yoya Blanco recoméndalles aos asistentes non esquecer a friameira "para que as familias poidan gozar dos manxares elaborados polos nenos e apreciar como a rapazada vai pouco a pouco medrando na cociña".

Ganapán

Comentarios