El guión de 'A estación violenta' llega a Cans

Daniel Froiz presentou este venres na sección 'A que andas', do festival do Porriño, a adaptación ao cine da novela de Manuel Jabois
Manuel Jabois
photo_camera Manuel Jabois

O festival de Cans, no Porriño, acolleu este venres a presentación do guión do que será o próximo proxecto da produtora pontevedresa Matriuska: a adaptación ao cine do debut literario, no ano 2008, do escritor e xornalista Manuel Jabois, ‘A estación violenta’.

O produtor do film, Daniel Froiz, foi o encargado de falar do desenvolvemento deste texto, do que el mesmo é autor xunto a Ángel Santos e Xacobe Casas. Colabora con eles o propio autor da obra. Publicada por Edicións Morgante, ‘A estación violenta’ é unha novela iniciática que trata a relación que manteñen tres mozos en distintas etapas da súa xuventude.

O proxecto cinematográfico, que recibiu en 2013 unha subvención da Agadic de 15.000 euros para axudar ao seu desenvolvemento, foi un dos seis que este venres se presentaron no espazo ‘'A que andas’' do festival de Cans. Ao tempo que Daniel Froiz falou do seguinte proxecto de Matriuska, cando a produtora aínda ten en cartel o seu último título, ‘Las altas presiones’, Juan Galiñanes falou do guión de ‘Fatum’, Xabier Bermúdez do de ‘Migas de pan’, Xacio Baño do de ‘Ana y el futuro’ e Alfonso Zarauza do de ‘A estranxeira’.

MIGUEL BARROS. No '‘A que andas'’ tamén estivo presente outro guionista vinculado a Pontevedra, en concreto a Bueu, onde está afincado. Trátase de Miguel Barros, que despois de gañar o ano pasado o premio de Cans ao seu texto para a película de Isabel Coixet ‘Nadie quiere la noche’, un film que inaugurou este ano o Festival de Cine de Berlín (foi a primeira vez que o fixo un título español), volve ao Porriño para falar do seu traballo en ‘Oro’, que dirixirá Enrique Urbizu.

O guión da nova película de Matriuska é de Daniel Froiz, Ángel Santos e Xacobe Casas e conta coa colaboración do propio autor do libro

"‘A que andas’ é unha sección que nos permite coñecer o traballo de guionistas e directores xa veteráns, ao tempo que saudamos con entusiamo obras de curtometraxistas curtidos en Cans que pronto rodarán as súas primeiras longas", explica o festival. "Este é un dos nosos encontros máis fermosos, que descubre a película na súa parte máis inédita: sobre o papel e co guión a punto de producirse. Cando o cine é só palabra".

O Festival de Cans, que se celebra ata o sábado, acolleu o xoves a proxección de ‘A cambio de nada’, a primeira longametraxe de Daniel Guzmán, protagonizada por, entre outros, Luis Tosar, que vén de arrasar no Festival de Cine de Málaga (Biznaga de Ouro á Mellor Película, premios á mellor dirección e actor e Premio da Crítica). O propio director presentou o film no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño.

Precisamente este venres á mañá Daniel Guzmán protagonizou, xunto con Jabier Gutiérrez, o encontro aberto de CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. Xa pola tarde poderanse ver de maneira exclusiva as primeiras imaxes do filme ‘Rey Gitano’, de Juanma Bajo Ulloa, unha produción que naceu no Festival de Cans, onde Ulloa coñeceu a Tony Lomba, autor da banda sonora. A proxección contará coa presenza do propio Lomba e de Manuel Manquiña, un dos protagonistas do film.

Ademais terá lugar a estrea do documental ‘Torre de Breoghán’, dirixido por Jorge Coira e que relata o proceso de xestación do último espectáculo de Luar na Lubre.

A xornada rematará con música. Primeiro celebrarase un concerto da banda barcelonesa Sidonie, que chega a Cans co seu último traballo, ‘Sierra y Canadá’. Despois haberá unha sesión de DJ de Ángel Carmona (Radio 3).

Comentarios