"O lobby taurino sostense polos cartos públicos"

A plataforma Touradas Fóra de Pontevedra anuncia a convocatoria da manifestación antitaurina para o 12 de agosto
Presentación de la manifestación antitaurina
photo_camera Presentación de la manifestación antitaurina

Borja González, membro da directiva de Touradas Fóra de Pontevedra, anunciou a convocatoria da manifestación antitaurina que organiza o colectivo para o 12 de agosto. Sairá da praza da Peregrina ás oito e media da tarde, con motivo da celebración da feira taurina.

"Dende a plataforma buscamos que os galegos e galegas se sumen a esta causa. Hoxe contamos con apoio de partidos políticos, protectoras de animais e colectivos animalistas".

González recoñece que o BNG tomou unha serie de medidas para suprimir os privilexios do lobby taurino dende que entrou no Concello, pero cre que aínda queda moito por facer. "Nós recoñecemos todo o feito, pero falta un paso, ese paso é a eliminación do convenio coa Praza de Touros, convenio polo cal lle serán entregados 38.000 euros".

"Hoxe 'as peñas' na súa maioría non teñen nada que ver cos touros, simplemente celebran as festas da cidade"

Afirma que é o momento de acabar con ese acordo xa que non poder existir financiamento de ningún tipo. "O BNG ten demostrado que é unha forza antitaurina pero debe cumprir o que se atopa no seu programa: non financiar as touradas de xeito directo nin indirecto, e nós o que vemos é que o está facendo de xeito indirecto", afirma González.

Ademais da manifestación principal o 12 de agosto, o vindeiro xoves celebrarán no bar Diaño unha asemblea informativa aberta, ademais de realizar 'photocalls' antitaurinos nas próximas semanas nas rúas da cidade, ao que lle sumarán a pegada de carteis e pancartas xunto a unha grande actividade a través das redes sociais.

González destaca que a feira taurina de Pontevedra é a última de Galicia e que é "unha celebración allea á nosa realidade cultural", así como que Galicia, xunto con Asturias, son as comunidades con menor actividade taurina, a excepción de Cataluña e Canarias, onde esta práctica foi abolida.

PEÑAS. A celebración das peñas é un dos momentos máis esperados polos mozos pontevedreses, e que deriva da celebración taurina, pero hoxe en día a maioría dos partícipes desta celebración non asisten ás touradas e moitos non están de acordo coas mesmas. "A maioría dos rapaces que saen coas camisetas e cos seus amigos fano para gozar das festas da cidade, dos dous fins de semana que teñen para pasalo ben no casco histórico, e que esperan todo o ano. Hoxe 'as peñas' na súa maioría non teñen nada que ver cos touros, simplemente celebran as festas da cidade". González cre que as touradas deben ser suprimidas pero non o goce da xente.

Destaca, así mesmo, que "é lamentable que a Ley de Protección Animal impulsada polo PP fale de combater o maltrato animal cando exclúe as touradas como tal". A derrogación da lei e o consenso para a redacción dunha nova son os outros obxectivos principais da plataforma antitaurina.

Comentarios