O Local de Música é para o verán

Unha quedada con skaters en Mollavao e o ciclo Son da Serea na Praza do Teucro son as dúas actividades centrais do espazo municipal para o período estival

Unha das chapas que forma parte do merchandising que distribuirá o Concello co novo logotipo do Local de Música de Pontevedra. DP
photo_camera Unha das chapas que forma parte do merchandising que distribuirá o Concello co novo logotipo do Local de Música de Pontevedra. DP

A electricidade "que corre polas veas dos músicos de Pontevedra" inspira o novo logotipo do Local de Música de Pontevedra, que o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou xunto a un dos traballadores desta instalación municipal, Pablo Trobo. "No deseño desta nova imaxe, que busca ser diferente e revolucionaria, chamar a atención, participaron tanto os grupos usuarios deste espazo [entre 40 e 50, máis as seis bandas de adolescentes que forman parte do proxecto Xeración Sónica]", sinalou o concelleiro, que ademais do novo logotipo presentou a renovada páxina web do Local de Música (www.localdemusica.gal) e a programación de verán deste espazo municipal, agrupada dende o ano pasado baixo o lema 'Os Bolos do Local'.

Unha quedada con músicos e skaters no Mollavao, que se fai por primeira vez, e o ciclo de concertos Son da Serea na Praza do Teucro son as propostas máis destacadas do Local para o verán. "Pontevedra ferve musicalmente falando". Pablo Trobo aproveitou a presenza ante os medios locais para reivindicar o traballo que se fai dende estas instalacións municipais a prol da profesionalización dos grupos, así como a contribución do espazo "á industria musical emerxente dunha cidade como Pontevedra, que respira música". Da mesma maneira, Trobo criticou "o grave proceso de deterioro" que vive a escena musical a nivel xeral, "chegando a parecer que os músicos estorban, cando para nós son un elemento esencial da sociedade". Segundo dixo, o papel que xoga o Local neste sentido é fundamentel na cidade e "axuda á recuperación da música para que ocupe o lugar que lle corresponde", indicou.

Medio cento de grupos é usuario desta instalación, que vén de renovar a súa web e lanzar un novo logotipo

CABOS SOLTOS. Tanto o concelleiro como o membro do equipo do Local de Música tamén destacaron o papel clave que está a ter o programa 'Cabos Soltos' no mantemento da música en directo en distintos locais da cidade, trala entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos, que complicaba en gran medida seguir realizando propostas ao vivo en pequenos establecementos por motivos de seguridade. Este programa da Concellería de Promoción da Cidade creou unhas sinerxias co Local do Música para manter os concertos e promover o traballo dos músicos pontevedreses. "De feito, na nova web do espazo está integrado "Cabos Soltos" para que os usuarios poidan rexistrarse no catálogo do programa", explicou Oubiña, que destacou tamén o a oferta formativa do Local.

"De feito, en dúas das propostas de 'Os Bolos do Verán', o Serán de Tralla e o ciclo Son da Serea, realizarán prácticas os rapaces que se formaron no curso de produción de eventos musicais", dixo o concelleiro. "Do que se trata, en definitiva, é de poñer en valor o talento da mocidade".

O grupo Fondo Norte traballa nunha versión en galego do grupo Tequila, ao que ‘teloneará’ durante as Festas da Peregrina

As propostas do Local da Música para o verán inclúen, ademais, a participación dun grupo da cidade nas Festas da Peregrina. Este ano será Fondo Norte, unha banda de mozos que se creou en 2014 e que, segundo avanzou Alberto Oubiña, podería dar unha sorpresa. "Están traballando na posibilidade de facer unha versión en galego do grupo ao que precederán no escenario, Tequila". Será o sábado 10 de agosto, na Praza de España. a partir das 22.30 horas.

Skatepark: Serán de Tralla

O proxecto 15 Bolos foi substituído o ano pasado polo Concello por unha programación de tres propostas que se agrupa baixo o lema ‘Os Bolos do Local’. A primeira desas actividades é o Serán de Tralla, "un día onde a música e o deporte se misturan para facer unha gran festa, no que a mocidade se reúne para pór en valor o talento emerxente musical da cidade". Terá lugar o sábado 29 de xuño no Skatepark provisional de Mollavao (a partir das 18.30 horas). As bandas que tocarán nesta primeira cita de ‘Os Bolos do Local’, "de distintos estilos e inquedanzas", son nove: DabelaII, Daquela, Deliria Drama, Essa Galera, Fuzz Faces, Longfield, No te puto pilles, Proceso norte e Savage Wolf.

Praza do Teucro► Son da Serea
O minifestival de dous días Son da Serea, que ocupará a Praza do Teucro, terá lugar este ano o 29 e 30 de xullo. Segundo informou o Concello, nel participarán oito bandas de música local. Son Jacobo Sainz, Liberad al Kraken, Cubo Metálico, Flava Bowl, Anecoid, Fast Fuzz, Ashes of Eden e Anadhor. Como no resto das actividades que se organizan a través do Local de Música, a entrada será de balde. A última cita de ‘Os Bolos do Local’ terá lugar en plenas Festas de Agosto, cando a banda local Fondo Norte toque como ‘teloneiro’ do primeiro gran concerto da Peregrina, o da mítica banda de pop e rock dos 80 Tequila. Será no escenario central das festas, na Praza de España.

 

Comentarios