O maio de Campañó conquista A Ferraría

A asociación cultural da parroquia fíxose con catro dos seis galardóns do certame de onte. O CEP Marcos da Portela, Xoaniñas de Marcón e o CEP Campolongo tamén foron premiados
Uno de los maios ganadores
photo_camera Uno de los maios ganadores

Maio fixo acto de presenza onte na Praza da Ferraría malia a chuvia. Os nenos e nenas de Pontevedra acudiron á cita ataviados con colares de pampullos e ganas de festexar que comezaba o mes das flores. Para facelo, os maios encheron a cidade de fiúncho, laranxas, margaridas e cascas de ovos. Nesta ocasión os gañadores do premio ao mellor maio foron os membros da Asociación Deportiva e Cultural de Campañó, seguidos de Xoaniñas de Marcón e máis dos nenos do CEP Marcos da Portela.

Os de Campañó tamén se fixeron co premio á mellor cantiga -seguidos do CEP de Campolongo e do CEP Marcos da Portela- e o premio a mellor coroa -que tamén acadaron o CEIP Froebel e o CEP Marcos da Portela-. O recoñecemento a mellor interpretación foi a parar ao CEP Marcos da Portela, e o CEP de Campolongo e máis o CEIP Froebel acadaron o segundo e o terceiro posto.

En canto ao premio especial dos maios, foi a parar tamén á Asociación Deportiva e Cultural de Campañó e o premio especial do xurado levárono os membros de San Benito de Lérez e da Asociación Amigos dos Rapaces.

A mañá comezaba co pregón de Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. "Engalanada de verde e ouro, esperta a Boa Vila do seu letargo invernal e co son dos paus, coas voces dos nenos, cos cantos das mozas pon os seus ollos antergos nas lombas verdescentes da Fracha, nos cumios renacidos de San Martiño, de Santa María, de Santo André de Xeve", recitaba Quintía no seu discurso inaugural mentres invocaba a "forza anovada de maio" para "librarnos de tanto mal e dos ratos que nos comen o millo na paneira".

Os pequenos xa se preparaban para subir e lanzar as súas coplas á praza. Como era de esperar, as vindeiras eleccións municipais foron un dos temas máis tratados nas cantigas. Deste xeito, os pequenos de Campañó falaban dos novos partidos que se presentan desta vez. "Pontevedra está en campaña, veñen as municipais. Aparece xente nova, máis bocas que alimentar", cantaban.

Pola súa banda, os pequenos do CEP Marcos da Portela acompañaron os seus cantos coa linguaxe de signos para que as súas rimas fosen entendidas por todos. Os pequenos referíronse á posta en marcha do programa Camiño Escolar en Monte Porreiro coa estrofa: "Queremos agradecer a toda a comunidade, aos veciños do barrio, a nosa seguridade".

En Campolongo tampouco quixeron deixar pasar a ocasión para facer algunha que outra reivindicación. Deste xeito, protestaron cunha copla polo mal estado das instalacións do seu centro. "O tellado da escola non aguanta as pingueiras, cando chega o inverno chorrea como as mangueiras", cantaban. Ademais, os pequenos tamén fixeron referencia ao conflito polo traslado de Ence fóra da ría. A corrupción non podía faltar entre as letras que prepararon os rapaces para a ocasión. Deste xeito, o alumnado do Froebel cantou: "Aproveitamos agora pois escóitannos mellor, e gritemos todos xuntos: fóra toda a corrupción!".

Nas coplas houbo espazo para a reivindicación, a sátira e a crítica á corrupción ou á presenza de Ence na ría

Comentarios