Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

O Museo de Pontevedra supera os 100.000 visitantes neste ano

O responsable de Cultura, Xosé Leal, subliñou a súa satisfacción polo repunte no número de visitas

O Museo de Pontevedra vén de superar esta semana as 100.000 visitas no que vai de ano. En concreto, a 17 de novembro o número era xa de 100.217. Esta cifra supón “un grande éxito” e un recoñecemento á programación do centro, dependente da Deputación de Pontevedra, que se marca como obxectivo, segundo manifestaron tanto o deputado de Cultura Xosé Leal como o propio director do Museo, chegar ás 110.000 visitas ao final do exercicio.

O responsable de Cultura, Xosé Leal, subliñou a súa satisfacción polo repunte no número de visitas e destacou que “coa chegada aos 100.000 visitantes vese a potencialidade real do Museo de Pontevedra, dos seus fondos e edificios”. Neste sentido, o nacionalista subliñou que o Museo é un dos centros do Mundo con mellores cifras tendo en conta a súa poboación de referencia: o número de visitas supera con creces a poboación do concello de Pontevedra.


O deputado Xosé Leal manifestouse optimista coa chegada aos 100.000 visitantes e xa pensa nos retos do futuro


Leal recoñeceu que na mellora dos números do Museo tivo un papel fundamental a reapertura das Ruínas de Santo Domingo este verán, logo de estar varios anos pechadas por necesidade de reformas. Só no mes de agosto nestes vestixios contáronse 23.477 entradas. Segundo explicou, a tipoloxía de visitantes é moi diferente e complementaria á dos que acoden ao resto das salas. De feito, o 90% das persoas que entran ás Ruínas de Santo Domingo acceden ao recinto por estar no seu contorno "de paso" e non se trasladan despois a ningún dos outros edificios do conxunto museístico.

Outro dos feitos importantes para potenciar o atractivo do Museo de Pontevedra foi a celebración do Ano Castelao, que incluíu dúas exposición que moveron o maior número de público de toda a programación anual: 'Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo 1915-1920', con 11.547 visitantes, e 'Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936', na que 11.851 persoas pasaron polas salas. Con respecto a esta última, o director do Museo, Carlos Valle destacou que, a pesar do bo número de visitas, percibiuse que o bo tempo que reinou durante o verán restou afluencia. "Sábese que as nubes sempre favorecen o turismo cultural, xa que cando chove é moita a xente que se achega a Pontevedra e se organiza para gozar de eventos culturais en espazos pechados como o Museo", dixo.

O RETO: TODOS OS EDIFICIOS ABERTOS. En canto ás expectativas de cara a final de ano, o deputado Xosé Leal, manifestouse optimista coa chegada aos 100.000 visitantes. Destacou que a programación prevista, dirixida a todos os públicos, prevé unha grande afluencia, sobre todo a partir do 13 de decembro, data na que se abrirá unha nova grande exposición.

Finalmente, o deputado agarda que para mellorar incluso estas cifras se poidan ir abrindo a curto prazo o resto dos edificios actualmente pechados por necesidade de melloras. “Temos o reto de actuar no resto dos edificios e ir abríndoos de xeito progresivo e así acadar que o Museo de Pontevedra se consolide como unha referencia e cada, vez máis, sexa coñecido en todo o estado español e entre o público internacional”, dixo.

O Museo de Pontevedra supera os 100.000 visitantes neste ano
Comentarios